O pleno da Deputación da Coruña aprobará que o Concello da Capela xestione por vez primeira a atención a visitantes do mosteiro de Caaveiro por delegación da institución provincial, titular do ben.
Así o informaron en rolda de prensa o deputado responsable da área de Contratación, Patrimonio e Equipamento da Deputación da Coruña, Xesús Soto, e o alcalde de A Capela, Manuel Meizoso, sinalando que o convenio de colaboració establece a delegación da xestión do mosteiro de Caaveiro.
O alcalde da Capela, Manuel Meizoso, agradeceu á Deputación da Coruña a delegación da xestión dos bens patrimoniais naqueles concellos que están asentados como responde, segundo dixo, á demanda xa existente.
Para o deputado da área de Patrimonio, Xesús Soto, a delegación «enmárcase na materialización do acordo de goberno que se dirixe a un progresivo adelgazamento da Deputación». Distinguiu Soto dous estadios con respecto aos bens patrimoniais, o primeiro se correspondería á delegación da xestión e o segundo á transferencia da titularidade ao concello onde se sitúa.
«Somos conscientes de que para algúns concellos isto sería complexo polo custo de mantemento dos bens mais para os outros é posíbel e cara ese obxectivo camiñaremos», sinalou o deputado. A área de Patrimonio levará a pleno da Deputación que se desenvolve este venres ademais os convenios de xestión por parte dos concellos do Castelo de Vimianzo, as Torres do Allo de Zas.
O convenio de colaboración ten un orzamento de 70.000 euros e contempla ademais da atención de visitantes outras actividades como visitas teatralizadas, o programa Noite no Mosteiro, xogos ou obradoiros de artesanía e exposicións ademais dunha proposta para a concienciación da importancia de conservación das Fragas do Eume.