A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González Méndez, mantivo unha reunión coa nova directiva da Asociación de Escolas Infantís de Ferrolterra (AFESÍN), que serviu como presentación e no que a entidade trasladou as inquedanzas que afectan ás escolas que representa.
No transcurso do encontro, Amparo González comprometeuse a dar máis visibilidade a estas escolas, financiadas con fondos públicos, a través da páxina web da Xunta de Galicia ao tempo que trasladou ás responsables de AFESÍN, a súa visita a Ferrol co obxecto de manter un encontro con todas as persoas asociadas e que estas lle trasladen persoalmente as súas demandas.
Aumento das axudas para o mantemento de escolas infantís
Cómpre destacar que, por primeira vez desde o ano 2009, se incrementou o orzamento destinado ás axudas para o mantemento destas escolas infantís 0-3, acadando os 3.067.822 euros, o que supón un aumento do 2% con respecto ao ano 2015. Estas achegas teñen como finalidade sufragar custos de persoal, gastos de alimentación ou outros gastos xerais de mantemento do centro.
A axuda anual para gastos de mantemento calcularase en función do número de unidades en funcionamento autorizadas da escola infantil 0-3 e da prestación do servizo de comedor. Así, nos centros con servizo de comedor, a contía anual será de 18.873 euros para centros que teñan de 1 a 3 unidades; 18.011 euros para centros que teñan de 4 a 6 unidades; 17.149 euros para centros con 7 ou máis unidades; e por último, 15.340 euros para aqueles centros sen servizo de comedor.
Fomento da conciliación
O Goberno Autonómico exerce as políticas autonómicas en materia de acción social de apoio á familia e infancia, así como as de promover e adoptar as medidas que aseguren a conciliación do traballo e da vida persoal e familiar.
A ampliación e mellora na calidade das escolas infantís 0-3 como recurso educativo, que contribúe á conciliación da vida laboral, persoal e familiar das familias galegas é un dos obxectivos da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia. As familias galegas dispoñen actualmente de máis de 20.500 prazas en escolas infantís sostidas con fondos públicos, de xeito que hoxe ofrecen cobertura a 1 de cada 3 cativos (cumprindo así a ratio aconsellada pola Unión Europea).
A constitución dunha rede pública galega de centros de educación infantil de 0 a 3 anos como proxecto artellado e de calidade en que participen as entidades privadas de iniciativa social é peza fundamental para o logro deste obxectivo. Esta orde de axudas ten como finalidade materializar neste momento de redefinición do modelo da educación infantil 0-3 a contribución da administración galega ao sostemento dos centros existentes e fomentar así a mellora da súa calidade.
PAN Concilia
Esta axuda enmarcase dentro da área PAN-Concilia do Programa de Apoio á Natalidade (PAN), que procura que Galicia sexa un lugar que ofreza axudas para afrontar os gastos que supón o nacemento dun fillo, que sexa un lugar que apoie a conciliación da vida familiar e laboral, e contempla o obxectivo de que Galicia sexa un lugar que garanta os servizos públicos, tanto sociais como sanitarios. Deste xeito o PAN estrutúrase en tres grandes áreas de acción como son o PAN-Axudas, o PAN-Concilia e o PAN-Servizos.
O PAN-Concilia alberga medidas como o incremento de prazas na rede pública de escolas infantís, as casas niño, as campañas de sensibilización, as axudas para o fomento da conciliación e da corresponsabilidade, o distintivo para establecementos que apoien á atención á infancia, o Bono Coidado, o Bono Concilia, un proxecto para a apertura de escolas infantís en parques empresariais ou a aposta pola flexibilidade horaria e o teletraballo.
Ao abeiro do Bono Concilia, axuda para aquelas familias que queiran levar os seus fillos/as a unha escola infantil e non teñan praza sostida con fondos públicos, dotarase para o curso 2016-2017 cunha partida económica de 3,4 millóns de euros que permitirá a concesión dun mínimo de 2.600 bonos, o que equivale a 1.400 novas prazas que se incorporan ás 20.500 financiadas con fondos públicos.