Villamar prioriza o remate do saneamento e dotación dos servizos básicos en San Xiao e San Mateo

pablo villamar-san mateoO candidato do BNG-Asembleas Abertas á Alcaldía de Narón, Pablo Villamar, defendeu este sábado, día 9, en senllos actos públicos en San Xiao e San Mateo a importancia de rematar canto antes o saneamento da zona rural e completar a dotación dos servizos básicos -telefonía, telecomunicacións, arranxo de pistas, etc.- nas parroquias que aínda non os teñen. Villamar, que estivo acompañado doutros membros da candidatura que encabeza, explicou que, no caso do saneamento, é unha prioridade do programa electoral co que concorren ás eleccións do vindeiro día 24, e lembrou que para concluílo farán falta perto de 15 millóns de euros. «Precisaremos da colaboración doutras administracións«, avanzou, «para rematalo á maior brevidade posíbel». 

Villamar insistiu en que «xa pasaron os tempos dos proxectos megalómanos e de dubidosa utilidade» e asegurou que «é o momento das persoas, de mellorar a súa calidade de vida fornecéndoas dos servizos básicos que no seu momento, malia as importantes inxeccións de cartos doutras administracións, non se fixeron».

O candidato do BNG-Asembleas Abertas aproveitou tamén para explicar a acción de goberno dos concelleiros nacionalistas ao longo deste mandato, tanto na área de Facenda como na de Promoción Social. En concreto, lembrou que se conseguiu reducir en máis dun 40% a débeda do Concello, a persecución da fraude e a actualización dos padróns finscais, así como a posta en marcha de medidas de aforro enerxético. «Nós somos partidarios de que a xente pague impostos en función dos seus ingresos; defender unha baixada para todas e todos por igual non é nin xusto nin democrático», sinalou.

Finalmente, Villamar falou dos investimentos. «Nunca como nestes últimos anos o Concello realizou tantos investimentos con fondos propios», destacou, e, nesa liña, sinalou ao resto das administracións como responsábeis de que a «billa das transferencias de capital» se pechase «totalmente«.

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …