O Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia -PLADIGA- publicado no mes de maio pola Xunta, establece dentro do programa de actuacións a sinatura de convenios cos concellos para a realización de tratamentos preventivos nas vías de titularidade municipal. A Xunta aínda non asinou practicamente ningún convenio «malia estar aceptados desde hai tempo» o que xerou un gran malestar no Concello de San Sadurniño.
Non se poderá incluír ningún traballo que se faga antes da sinatura, xa que son os técnicos da administración autonómica quen deben certificar o estado inicial das superficies sobre as que se ten previsto actuar. Os acordos serán de aplicación a partir da data de firma e será a Consellería do Medio Rural quen revise posteriormente a superficie rozada para transferirlles aos concellos a axuda económica correspondente. Polo tanto, mentres non haxa sinatura non haberá cartos e calquera tarefa de limpeza de pistas que se faga antes da data do convenio non podería acollerse ás axudas. Segundo se informa desde o executivo local, «os concellos aceptaron o acordo e só falta a firma dos responsables da consellería, que só se produciu en contadas excepcións».
A pesares diso o concello de San Sadurniño comezou os traballos de limpeza tal e como indica o alcalde, Secundino García. «En San Sadurniño levamos traballando na limpeza das pistas varias semanas porque temos dous tractores con cadansúa desbrozadora, pero hai algún concello da comarca que aínda non empezou a cortar as silveiras a pesar de ser un labor imprescindible nesta época».
O equipo de goberno local expresou o seu malestar pola «tardanza inexplicable» en darlle curso legal «cunha simple sinatura» ao acordo «tanto con San Sadurniño como con outros municipios» e criticou este retraso.