As Xuventudes Socialistas de Ferrol anunciaron no día de hoxe, venres 21, que unirán as súas voces coas de centos de millóns de persoas e moitísimas organizacións e Concellos de todo o mundo en defensa do medio ambiente, nesta oitava edición da “Hora do Planeta”.
A secretaria xeral de Ferrol, Ana Lamas, declarou que “esta gran iniciativa anual da Organización Ecoloxista WWF é unha mostra de que se se quere, pódense conseguir cambios reais e conquerir un futuro máis sostible.” “Pretendemos alcanzar o compromiso – continou Lamas- dun cambio global e reivindicar un novo modelo enerxético baseado nas enerxías renovables.”
Así mesmo, a moza socialista considerou que “os Concellos teñen un papel protagonista na loita contra o cambio climático, e que a acción local é imprescindible para camiñar cara a o reto do desenvolvemento sostible. “As Administracións Públicas deben ser as primeiras en apostar pola eficiencia enerxética, e deben dar exemplo nas súas actuacións contra o cambio climático”.
Proposta ao Concello
Porén, as Xuventudes Socialistas presentaron neste venres unha proposta por rexistro instando o Concello de Ferrol a que se sume tamén a esta iniciativa, apostando pola eficiencia enerxética, e comprometéndose a adoptar medidas de aforro enerxético nos edificios e instalacións municipais. Puxeron de relevo tamén que “cada ano, moitísimas cidades de todo o mundo amosan o seu apoio á devandita campaña apagando as luces dos seus principais monumentos e edificios, e queremos que Ferrol tamén faga o seu”.
Así mesmo, os mozos e mozas das XSG entenden que “dende a Administración Pública Municipal pódense e débense impulsar boas prácticas nas empresas e na poboación galega, incentivando o consumo responsable e o uso responsable da electricidade”