A «XXV Xuntanza de Gaiteiros» homenaxea a «Xacarandaina»

xuntanza gaiteiros feneO sábado, día 5 , a partir das 19.30 horas na S.C.R.D. Agarimo de Sillobre (Fene), a Banda de Gaitas Tradicional “Airiños de Fene” celebrará a XXV Xuntanza de Gaiteiros, actividade que organizan tódolos anos dende o 1988.

Nestas xuntanzas, ademais da participación de distintas bandas, grupos ou músicos, aproveitan a ocasión para realizar unha homenaxe a algunha persoa, grupo ou entidade que se caracterizou por gardar, recoller, recuperar e dar a coñecer a nosa música tradicional. Nesta XXV Xuntanza  se homenaxeará á Asociación Cultural “Xacarandaina” de A Coruña.

Xacarandaina nace no ano 1978. O seu obxectivo era e é a investigación, a interpretación e a difusión do noso folclore do xeito máis fiel posible de como se atopa no seu lugar de orixe. Xacarandaina fixo e fai un importantísimo traballo de campo recuperando músicas, bailes, danzas, cancións, instrumentos e traxes autóctonos. Froito desta labor o grupo ten recollidos e montados máis de 150 bailes e outras tantas pezas de música que interpretan nas súas actuacións.

Participantes na Xuntanza

Nesta XXV Xuntanza de Gaiteiros contarase coa participación do grupo de cantareiras, do grupo de cantareiros e do grupo de música e baile tradicional de “Xacarandaina”, con “Sons do Mendo” o grupo de cantareiras “Xerfa” e a Banda de Gaitas Tradicional “Airiños de Fene”. A Xuntanza será presentada por Pitusa Arias.

 

 

Lea también

Nove establecementos de hostalería de Cedeira participarán no VI certame “Tapas de Outono”

Un total de nove establecementos de hostalería de Cedeira participan do venres 24 ao domingo …