A Deputación da Coruña investiu, nos últimos seis meses, un total de 143.326 euros na reforma integral do Fogar Infantil que xestiona en Ferrol e que conta co certificado de calidade ISO 9001:2008.
O obxecto das obras, cuxo resultado visitaron Diego Calvo e o alcalde José Manuel Rey, pasou por adaptar as instalacións á nova normativa da Xunta para centros de menores, con actuacións centradas sobre todo en materia de seguridade e accesibilidade.
Segundo comprobaron tanto o presidente da Deputación como o rexedor local, o fogar infantil conta con espazos para os rapaces máis pequenos no primeiro andar, mentres que os maiores teñen as súas aulas no piso superior.
Nestas últimas actuacións promovidas pola institución provincial tívose moi en conta todo o relacionado coa normativa actual tanto en prevención de riscos como en todo o relativo á seguridade contra incendios. Así, habilitáronse novas saídas de emerxencia e fixáronse camiños de evacuación adaptados aos menores.
Este centro infantil atende a un total de 75 rapaces con idades entre 0 e 12 anos en horario de oito da mañá a dez da noite. As prazas adxudícanse segundo as bases establecidas nos convenios asinados pola Deputación cos concellos de Ferrol (70 prazas) e Narón (5 prazas).