O Grupo Municipal Socialista ven de denunciar os máis de dous anos de retraso na extensión da rede de comedores sociais. Neste senso, a concelleira socialista María López critica “nestos máis de dous anos o único que fixeron foi bautizalos, cambiarlles o nome e privar as persoas usuarias dun servizo que mellora a calidade de vida das persoas maiores”.
O Grupo Municipal Socialista lembra que no local da A.VV de Esteiro se fixeron fai máis de dous anos as instalacións de iluminación e calefacción precisos que figuran no proxecto de comedor social.
«Dous anos de esquecemento despois, -sinalan nun comunicado- as obras que pretende executar o goberno non contemplan a colocación do chan axeitado que dispoñía o proxecto orixinal, é que dotaría a instalación do mínimo necesario para un servizo de comedor dirixido ás persoas maiores, permitindo tamén a realización de actividades que alí se levan a cabo habitualmente como é o caso de pilates».
O Grupo Municipal Socialista pídelle a Concelleira de Benestar que rectifique a súa decisión, e acorde dotar a instalación do devandito chan de tarima flotante, dado que o custo do mesmo é moi baixo en relación cos beneficios que reporta cara as persoas usuarias, protexendo ás mesmas do frío e a humidade, nada recomendables para as persoas de idade.
A concelleira socialista manifesta que o comedor de Esteiro xa dispoñía dun proxecto, que consistía en acondicionar o chan para facelo máis acolledor, e accesible, lembrando que xa se abordara no anterior mandato a iluminación, calefacción e o mobiliario necesario.
Comedor de San Pablo
No que respecta ao de San Pablo, este goza dunha instalación axeitada, xa que no proxecto do centro cívico do anterior goberno xa se tiña en conta esta finalidade, polo que os socialistas atribúen á falta de vontade política “o retraso nuns servizos que consideramos básicos cara as persoas maiores, que son o 22% da poboación de Ferrol”- di María López.
En ámbolos dous casos cumpre abrir publicamente a lista de solicitudes para que as persoas usuarias podan inscribirse na demanda dun servizo que sen dubida mellora a calidade de vida das persoas maiores, non só dende un punto de vista dietético ou nutricional, senón tamén de relación e benestar xeral.
Así mesmo, os socialistas lamentan que o goberno local non prevea acometer o comedor social previsto para a zona Urban no anterior mandato, é dicir, o que daría servizo aos veciños e veciñas dos barrios de A Madalena, Ferrol Vello ou Canido.
Neste senso, refírense ao proxecto que o goberno socialista tamén tiña previsto, e que se ubicaría no local do Toxos e Froles, para o cal as conversas coa entidade xa estaban iniciadas.
Xantar na casa
Noutro orde de cousas, os socialistas lembran a proposta feita no que respecta ao programa Xantar na casa, servizo que no anterior mandato se levaba a cabo baixo o nome de Comedor sobre rodas, de facer unha enquisa de satisfaccións sobre a calidade do servizo, así como de aumentar o número de prazas que limitou a 15 o actual goberno.