O Igape apoia a saída ao exterior da empresa naronesa Cándido Hermida

igape-candido hermidaO director xeral do Igape, Javier Aguilera, salientou este xoves, día 11, a importancia estratéxica de avanzar na internacionalización e subliñou, durante á súa visita ás instalacións de Cándido Hermida en Narón, que o Goberno galego ten habilitado un completo abano de servizos e axudas para impulsar, durante este ano, a mellora da competitividade e a proxección exterior das empresas galegas. Neste sentido, Aguilera destacou o proceso de internacionalización que está a acometer esta empresa naronesa, lembrando que Cándido Hermida tense apoiado no Canal Contract impulsado polo Igape e nos servizos en destino achegados mediante a rede de plataformas empresariais no exterior.

Así mesmo, o director do Igape sinalou que o Instituto ten posto en marcha este exercicio diferentes programas que teñen por obxecto acompañar aos empresarios galegos neste proceso de saída ao exterior. Entre estas liñas, o director do Igape destacou o Plan Primex, que facilita a localización de aliados internacionais para as empresas galegas, así como o coñecemento de novos mercados, ao tempo que lles concede axuda para a súa primeira implantación comercial no exterior.

Aguilera resaltou que os apoios ofrecidos para facilitar a proxección exterior das empresas galegas son de especial intensidade para as localizadas nas comarcas de Ferrolterra, ao abeiro do Plan Ferrol, Eume e Ortegal. Así, no eido da internacionalización, as axudas son un 5% máis intensas nestas comarcas, onde poden cubrir ata o 90% dos investimentos ou dos gastos enfrontados polas empresas para conquistar novos mercados.

Desde as instalacións de Narón, o Grupo Cándido Hermida desenvolve proxectos que inclúen o deseño, fabricación, subministro e montaxe de equipamento integral especialmente para instalacións de uso colectivo como hoteis, oficinas ou establecementos comerciais en calquera mercado mundial. O grupo está especializado en traballos de calidade con madeira, pero tamén emprega elementos metálicos para habilitación naval ou novos materiais. A empresa emprega a máis de 600 traballadores e dispón en Galicia de cinco centros de produción nas comarcas de Ferrolterra, desde os que ten xestionado proxectos en máis de 70 países en todo o mundo.

Lea también

Axenda en Narón do 14 de decembro

Sábado 14 de decembro de 2024 Actividade: I Xornada Patrimonio Industrial de Ferrolterra Hora: De …