Ruta Gastronómica Horta de Narón

naron pimento couto

Preto de 40 establecementos do Concello de Narón participarán do 11 ao 14 e do 18 ao 21 de xullo na Ruta Gastronómica Horta de Narón posta en marcha pola Concellería de Promoción Económica en colaboración coa Concellería de Turismo, dentro do programa Narón Gastronómico creado para dinamizar o sector hostaleiro e poñer en valor os produtos culinarios da zona.

A relación de establecementos participantes foi dada a coñecer este xoes, día 4, en rolda de prensa polo concelleiro de Promoción Económica, Pablo Villamar, a concelleira de Turismo, María Rodríguez Porto, e o presidente da Cooperativa de O Val, Benito Castro.

Numerosos establecementos

Os locais que nesta ocasión se suman á iniciativa do Concello son: Café-Bar Marinito (o Val), Café-Bar Vidal +3 (Sta. Icía), Café-Bar España (Sta. Icía), Café-Bar La Comarca (O Ponto), Cafería Xanela (Sta. Icía), Cervecería Australian (A Gándara), Cervecería O Druida (A Gándara), Cervecería La Plaza (O Alto), Cervecería O Paseo (Xubia), Estrela de Castela (O Alto), Excelsior (Xubia), Club de Xubilados a Solaina, (Sta. Icía) La Barra de Oro (O Ponto), Mesón O Alecrín (Sta. Icía), Mesón O Fogar (Sta. Icía), Mesón O Pío, (Piñeiros) O Petisco (Freixeiro), O Pozo (Xubia), O Recanto (Freixeiro), Pizzería Plaza (Xubia), Restaurante A Ponte (O Val), Restaurante A Trasanquesa (Sedes), Restaurante Fortunato (Sta. Icía), Bar Ortegal (Sta. Icía), Romero I (San Mateo), Romero II (Virxe do Mar), Sidrería Astur (Castro), Taberna Chis (Sta. Icía), Vinatería Philadelphia (Piñeiros), Mesón O Cuco (O Val), Urbán (A Gándara), Restaurante O Pote (Freixeiro), Restaurante El Refugio (O Alto), Cervecería El Mercado (O Alto), A Roldana (Río do Pozo) e o Xatova (O Val).

Os establecementos participarán cunha ou varias tapas, que se servirá nas datas antes sinaladas entre as 13.00 e as 15.00 h e das 20.00 á 22.00 h. Os negocios que o desexen poderán alongar os horarios e ofrecer as tapas durante máis tempo.

As tapas serán gratuítas, de libre creación e estarán elaboradas con produtos de calidade, tendo que incluír necesariamente o Pemento do Couto ou o Tomate negro de Santiago, ou ambos á vez, tratando de exaltar o sabor e propiedades destas dúas hortalizas.

As persoas que se acheguen aos establecementos inscritos nas xornadas poderán participar nun sorteo de 20 cestas con produtos da horta, se consumen a tapa típica das xornadas e depositan o cupón cos seus datos na urna correspondente. Todos os hostaleiros que participen na ruta disporán dunha urna e tarxetas para que os seus clientes poidan participar no sorteo.

Encontro de Bloggers este sábado

Para dar o pistoletazo de saída a esta actividade e acadar a máxima difusión nos medios especializados do contorno dixital, o sábado 6 de xullo celebrarase un encontro de bloggers gastronómicos. Os considerados mellores prescritores do sector culinario, coñecerán de primeira man todo o proceso de produción do Pemento do Couto e o Tomate Negro de Santiago, desde a forma de cultivo ata o proceso de envasado, distribución e comercialización, sen esquecer a degustación final das hortalizas, todo da man da Cooperativa do Val. O programa constará dunha visita ao Mosteiro do Couto, de onde é orixinario o Pemento do Couto, un percorrido polos invernadoiros da Cooperativa para recoller o produto e unha cata no restaurante Casa Pendás.

Presentación en Santiago de Compostela (Restaurante Casa Marcelo)

Para proxectar e dar a coñecer os produtos da terra fóra da comarca, farase, o día 18 deste mes de xullo unha presentación e degustación do Pemento do Couto e o Tomate Negro nun dos restaurantes máis emblemáticos de Galicia, “Casa Marcelo”en Santiago de Compostela, que conta cunha estrela Michelin. Membro da prestixiosa asociación culinaria galega Grupo Nove, o chef Marcelo Tejedor é un dos cociñeiros con máis proxección internacional e mellor posicionado no sector a nivel global. Con motivo da iniciativa “Horta de Narón”, Marcelo Tejedor elaborará creacións exclusivas a base destas dúas hortalizas do campo naronés.

XV Festa do Pemento do Couto

“Horta de Narón” rematará o domingo 21 de xullo coa tradicional Festa do Pemento, na que se dan cita produtores, comercializadores, establecementos de hostalería e público en xeral para exaltar, poñer en valor e gozar desta deliciosa hortaliza.

O Pemento do Couto e o Tomate Negro de Santiago

O Pemento do Couto e o Tomate Negro de Santiago son dous produtos locais de gran calidade que actualmente cultiva e comercializa a Cooperativa do Val, na súa aposta pola recuperación e posta en valor de variedades autóctonas.

A Cooperativa produce desde hai anos o Pemento do Couto, unha hortaliza xa consolidada na mercado, que conta coa Indicación Xeográfica Protexida e que se caracteriza polo seu excelente sabor e propiedades, entre elas, a súa docura e que non pica.

Continuando polo camiño da recuperación e revalorización das hortalizas locais, desde o ano pasado a Cooperativa do Val produce o Tomate Negro de Santiago, un tomate cun alto grao de azucres e acidez e excelente sabor que se está introducindo pouco a pouco con moito éxito.

Con estes dous produtos, a Cooperativa do Val quere chegar ao consumidor que busca produto galego de calidade, cansado das variedades foráneas.

 

 

 

Lea también

Axenda en Narón do 14 de decembro

Sábado 14 de decembro de 2024 Actividade: I Xornada Patrimonio Industrial de Ferrolterra Hora: De …