O BNG presentará unha moción no pleno pedindo apoio a folga do día 12

«BNGO Bloque Nacionalista Galego de Ferrol presentou unha moción ao Pleno ordinario para demandar o apoio á mobilización e á folga xeral convocada na nosa comarca para o vindeiro 12 de xuño e debido a gravidade da situación socio-económica na nosa cidade compre forzar ao Partido Popular e debatir sobre esta situación e o fracaso das súas iniciativas políticas.

Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, destaca que a situación no noso concello e na comarca faise cada día máis insoportábel e a folga xeral é unha consecuencia inevitábel fronte a unha situación insostíbel. A nosa cidade está a sufrir os efectos dun proceso de concentración do poder económico, produtivo e político que deriva na desertización de territorios como o noso e cuxas consecuencias directas son un acusado declive poboacional e unha taxa de paro do 32% nunha cidade na que só traballa 1/3 da poboación. Caldo de cultivo en definitiva para a emigración dunha mocidade preparada pero falta de expectativas e para o incremento da pobreza e a exclusión social.

O BNG salienta na súa iniciativa que as nosas capacidades baten con decisións políticas que, como no caso do naval, levan ao progresivo desmantelamento dun sector estratéxico da nosa economía. O estaleiro de Fene permanece practicamente pechado polo inxusto veto á construción naval civil e Navantia Ferrol, limitada tamén por estes acordos políticos, perdeu máis de 2000 empregos no último ano, ao tempo que estaleiros europeos estan a aumentar a súa cuota de mercado.

O desemprego, o peche de empresas, a redución de salarios, o aumento dos impostos e a apropiación dos nosos aforros para concentrar todavía máis o poder económico. As chamadas medidas de austeridade para reducir o déficit na práctica acaban traducíndose nun aumento do défict e da débeda, porque ese exceso de austeridade estrangula o consumo interno, cae en picado a produción e o emprego, de xeito que cae tamén a recadación pública.

O BNG considera que se precisan alternativas e a primeira e fundamental pasa por termos a capacidade para tomar decisións soberanas sobre a nosa economía e os nosos sectores produtivos para salvagardar os nosos intereses colectivos e garantir a capacidade de crear emprego e riqueza para as xeracións actuais e futuras. Rescatar para nós a soberanía para recuperar unha senda de progreso e preservar a democracia.

É por iso que para o BNG a Folga Xeral do próximo 12 de xuño debe ser un paso adiante da comarca de cara a crear un movemento social que free as decisións e as políticas que nos negan o futuro. Cómpren cambios que nos permitan decidir, producir e traballar na nosa terra. De todas e todos nós depende».

 

 

 

Lea también

El martes inauguración del «Rastrillo» de la A. Nuestra Señora del Carmen

La asociación “Nuestra Señora del Carmen” de Ferrol celebrará desde el martes 26 de noviembre, …