O concelleiro de Normalización Lingüística, José Manuel Vilariño Anca, entregou na mañá deste martes, día 23, os premios da campaña “Gústame o galego”, que se enmarca no conxunto de actividades en torno á celebración das Letras Galegas que organiza o Concello de Ferrol.
O acto tivo lugar na Feira do Libro que este martes pecha as súas portas e que se está a desenvolver dende o venres pasado na praza da Constitución.
“Gústame o galego” é unha iniciativa para o fomento da lingua coa que se pretende facer visíbel o apoio ao proceso de normalización lingüística a través de fotografías con frases suxestivas sobre o uso do galego en diversas situacións.
Así, durante todo o martes haberá un photocall instalado no Cantón de Molíns, para que todas as persoas que queiran poidan fotografarse coas lendas. Estas fotografías subiranse ao facebook de “Gústame o Galego” e á paxina web oficial do Concello de Ferrol. Ademais, aos gañadores se lles fixo entrega de un exemplar de literatura galega –un título actual que varia en función das idades dos gañadores- e unha camiseta da campaña.
Os mozos/as e lendas gañadoras deste certame foron:
Do CPR La Salle:
– Estefanía Orjales Vázquez, coa lenda “Gústame o galego como sexa, se sae dos teus beizos”.
– Samuel Piñeiro Lage, por “Gústame a vida en galego”.
– Jennifer Porto López, coa frase “Gústame soñar, falar e vivir en galego”.
– Ainho Nieto Caruncho. “Gústame oír o meu nome rematado en –iña na boca da miña nai”.
Do IES Ricardo Carvalho Calero:
– Patricia Barinaga Amado: “Gústame que me digan que teño acento galego”.
– Belén Feal Cabezón: “Gñustame comezar, intentalo, trabucarme e volvelo intentar … pero en galego”.
– Rita Tojeiro Ces: “Gústame namorarte en galego”.
– Tamara Lafuente Torralba: “Gústame troulear en galego”.
– Iago Area Fernández: “Gústame viaxar coa miña lingua”.
– Sergio Martínez López: “Gústame soñarte en galego”.
Do IES Saturnino Montojo:
– Antón Dopìco Rey: “Gústame soñar en galego e espertar cun bo día”.
– Javier Larrañaga Cores: “Gústame que non nos coma a linghua o ghato”.