A cita celebrarase o próximo 18 de novembro no Auditorio de Ferrol Álvaro Lamas e está dirixida ao alumnado de 4º da ESO, 1º e 2º de Bacharelato e ciclos de Formación Profesional.

O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, e a vicerreitora do Campus de Ferrol, Igualdade e Responsabilidade Social, Ana Ares, presentaron esta mañá a II Feria de Formación e Educación, que se celebrará o 18 de novembro no auditorio de Ferrol Álvaro Lamas.
Esta segunda edición chega tras a boa acollida da convocatoria inicial, na que participaron máis de 1.200 alumnos e alumnas de diferentes centros educativos de Ferrol e da comarca. Unha resposta que, segundo destacou o rexedor, “demostrou que existe un interese real por achegar a orientación académica e profesional aos nosos mozos e mozas”.
Rey Varela subliñou que esta nova convocatoria supón “un paso máis na consolidación dun proxecto que naceu coa vocación de medrar, de sumar a colaboración de máis universidades e centros e de ofrecer novas oportunidades á mocidade da nosa contorna”.
O alcalde incidiu tamén na importancia da cooperación institucional para sacar adiante iniciativas que contribúan ao desenvolvemento da cidade. “Cando unimos esforzos, compartimos coñecementos e poñemos en común os recursos de cada institución, somos quen de ofrecer respostas máis completas ás necesidades da sociedade”, afirmou.
Neste sentido, destacou a colaboración entre o Concello de Ferrol e a UDC, a través do Campus Industrial, e agradeceu á universidade, á vicerreitora e a todas as persoas implicadas o seu compromiso coa organización desta segunda edición.
Pola súa banda, a vicerreitora do Campus de Ferrol, Igualdade e Responsabilidade Social, Ana Ares, animou “a toda a cidadanía e, especialmente, ao alumnado e ás súas familias, a participar nesta segunda edición da feira, que queremos que sexa un lugar para resolver dúbidas, compartir experiencias e descubrir camiños para construír o futuro». Nesta liña, sinalou que “elixir un itinerario académico ou profesional é unha das decisións máis importantes ás que se enfrontan e, por iso, é fundamental ofrecerlles información, orientación e ferramentas que lles permitan tomar decisións con confianza e coñecemento”.
UNHA OFERTA FORMATIVA AMPLA E VARIADA
A auditorio de Ferrol Álvaro Lamas acollerá un total de 19 stands nos que estarán representados as tres universidades públicas galegas – a Universidade de Santiago de Compostela (USC), a Universidade de Vigo (UVigo) e a Universidade da Coruña (UDC) – xunto coa UNED Ferrol e Universidad Intercontinental de la Empresa (UIE).
A nivel nacional participarán a Universidad Europea, a Universidad de Navarra, a Universidad Nebrija e o Centro Universitario de Tecnología y Arte Digital (U- Tad). Tamén terán un espazo de seu o Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG), a Escola Superior Marcelo Macías, Atlantic Air Academy, Air Hostess Coruña e EF Business School.
A feira contará tamén coa participación da Policía Local de Ferrol, a Policía Nacional, a Garda Civil, as Forzas Armadas e o parque de bombeiros da cidade, ampliando así as posibilidades de orientación cara a diferentes ámbitos profesionais.
“Esta feira é moito máis ca unha exposición de ofertas educativas. É unha oportunidade para preguntar, comparar, descubrir vocacións e, sobre todo, tomar decisións con máis información e maior confianza”, sinalou o alcalde.
A QUEN ESTÁ DIRIXIDA
A iniciativa está dirixida especialmente ao alumnado de 4º da ESO, 1º e 2º de Bacharelato e Formación Profesional, que se atopa nun momento decisivo para escoller o seu futuro académico e laboral. O obxectivo é que os estudantes poidan coñecer de primeira man as distintas alternativas ao seu alcance, resolver dúbidas e identificar aquelas opcións que mellor se adapten aos seus intereses, capacidades e aspiracións.
HORARIOS E INSCRICIÓNS
Os centros educativos interesados en participar poderán solicitar a asistencia do seu alumnado a través do enderezo electrónico educacion@ferrol.es , antes do 11 de novembro. A visita dos centros desenvolverase no horario reservado
para eles, de 9.30 a 14.00 horas.
Pola tarde, a feira estará aberta ao público en xeral, de 16.00 a 18.00 horas, para que calquera persoa interesada poida achegarse e coñecer as diferentes opcións educativas e profesionais.
O alcalde sinalou que “esta feira é unha aposta pola orientación, polo talento e polas oportunidades da nosa mocidade” e afirmou que “investir na educación e na formación é investir no futuro de Ferrol”, convidando os estudantes da cidade e da comarca a participar nesta segunda edición.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.