A formación desenvolverase do 21 de outubro ao 17 de novembro en modalidade de teleformación, cunha duración de 20 horas e prazas limitadas.
A Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal (COFER), en colaboración co Concello de Ferrol, organiza o curso “Ferramentas dixitais e ciberseguridade”, unha acción formativa gratuíta dirixida a persoas traballadoras por conta allea, autónomas e desempregadas.
A formación ten como obxectivo mellorar as competencias dixitais das persoas participantes, facilitando o uso de ferramentas e servizos dixitais de utilidade tanto no ámbito profesional como no persoal, así como promover boas prácticas para unha utilización máis segura da tecnoloxía.
O curso terá unha duración total de 20 horas. Será impartido por TAGENATA en modalidade de teleformación, sen aula virtual, o que permitirá ás persoas participantes adaptar os seus horarios e a carga lectiva ás súas necesidades persoais.
A dedicación estimada é dunha hora diaria
O programa formativo estrutúrase en tres bloques. O primeiro, dedicado ao Cloud Computing, abordará o uso de servizos de almacenamento e traballo na nube, como Google Drive, Microsoft OneDrive e Dropbox, cunha duración de 10 horas.
O segundo centrarase na creación e edición de documentos PDF mediante software libre, con cinco horas lectivas. As cinco horas restantes dedicaranse á ciberseguridade para persoas usuarias, con contidos relacionados coa creación de contrasinais seguros, a autenticación dupla e as copias de seguridade.
A iniciativa busca contribuír á mellora das competencias dixitais e á adquisición de coñecementos prácticos que permitan aproveitar as posibilidades das ferramentas tecnolóxicas e reforzar a seguridade no seu uso cotián. A inscrición é gratuíta e as prazas son limitadas.
As persoas interesadas poden formalizar a súa solicitude a través do formulario de inscrición dispoñible na nosa Web. Para obter máis información, tamén poden contactar con COFER nos teléfonos 981 333 305 e 981 333 322.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
