A programación inclúe 12 propostas, coas novidades de fútbol sala e tenis de mesa, e en 2 escenarios principais: os pavillóns municipais do CPI Atios e O Longoiro en Meirás.

O Concello de Valdoviño activará neste curso unha nova edición do programa «Valdoviño en movemento«, cunha morea de propostas deportivas para nenos e nenas e máis persoas adultas. Haberá 12 actividades, e as clases comezarán no mes de outubro en dous escenario principais: o pavillón municipal do CPI Atios e o pavillón municipal O Longoiro en Meirás. A casa da cultura e o local social de Pantín completan a rede de emprazamentos para a oferta deportiva, dando continuidade á aposta do Concello pola descentralización das actividades nas parroquias.
O concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra, avanzaba a apertura do prazo de inscrición, entre o 10 e o 23 de setembro. O trámite poderá realizarse presencialmente na primeira planta da casa consistorial, de luns a venres de 9:00 a 14:00 horas ou a través da web municipal: https://www.concellodevaldovino.com/deportes/programacion-e-inscricions/
Para nenos e nenas de 6 a 13 anos haberá clases de ximnasia rítmica, patinaxe en liña, baloncesto, duatlón, karate, patinaxe artístico e multideporte. Así mesmo, incorpórase este ano fútbol sala -iniciación e tecnificación- para cativos e cativas de 4 a 7 anos incluídos, e máis tenis de mesa, a partir de 6 anos. Todas elas, no pavillón do CPI Atios e unha cota de 10 euros. No Longoiro está previsto celebrar as actividades de tenis e tiro con arco, para rapaces e rapazas de ata 18 anos e unha cuota de 11,06 e 8,86 euros/mes respectivamente Así mesmo, para o público adulto, o Concello ofrecerá tenis e tiro con arco no Longoiro, ademais de ximnasia nas parroquias de Meirás (pavillón), Pantín (local social) e Valdoviño (casa da cultura).
Non hai variacións nos prezos, e o custe mantense respecto a anos anteriores, con tarifas que oscilan entre os 8,86 e os 12,54 euros mensuais en función da frecuencia semanal. Coma é habitual, e en toda a programación, no caso de que a demanda exceda a oferta terán preferencia as persoas empadroadas en Valdoviño, e todas as actividades requiren dun número mínimo de participantes para celebrarse.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
