A Axencia Galega de Doazón de Órganos, Sangue e Tecidos (ADOS) instalará este martes 8 de setembro unha unidade móbil na cidade, a carón do centro de saúde.
O vehículo permanecerá operativo en horario de 9:00 a 14:30 e de 15:30 a 21:00 horas, dentro da campaña «Este verán doa sangue», coa que ADOS busca reforzar as reservas nunha época do ano na que as doazóns adoitan baixar.
Poden doar sangue as persoas de entre 18 e 70 anos, con bo estado de saúde e un peso superior aos 50 quilos. Dende ADOS recoméndase acudir con boa hidratación e sen ir en xaxún. Quen doe pola mañá debe almorzar con normalidade, mentres que quen o faga pola tarde ten que esperar dúas horas despois do xantar, evitando ademais as comidas copiosas previas á doazón.
É necesario acreditarse co DNI ou outro documento oficial que identifique a persoa doante, e informar o persoal médico sobre calquera tratamento farmacolóxico ou intervención recente, xa que existen prazos de espera específicos en casos como cirurxías, tratamentos dentais, tatuaxes ou piercings, viaxes a zonas endémicas ou partos recentes.
Cada ano, as doazóns voluntarias permiten atender a preto de 31.000 pacientes nos hospitais galegos. Baixo o lema «Un alento de vida», a campaña de verán de ADOS anima a achegarse ás unidades móbiles e doar sangue.
Para máis información pódese chamar ao teléfono gratuíto 900 100 828, consultar a web ados.sergas.gal ou seguir as redes sociais da axencia.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
