A galería da Casa do Concello de San Sadurniño acolle durante todo este mes unha exposición colectiva da Asociación Narón Amigos da Arte (Narart), formada por preto de trinta obras de pintura e fotografía realizadas por 14 dos seus integrantes. A variedade de estilos, técnicas e sensibilidades permite achegarse ao potencial creativo dunha entidade que, ademais de promover a actividade artística en Ferrolterra, quere reivindicarse como un espazo aberto á incorporación de novos talentos, mesmo alén da comarca.

A exposición reúne obras de Canzobre, Crisanto Poveda, Esther Piñán, Eva Bergantiños, Katy Martín, Maite López, Manoly Miraz, Manuel Amor, Mary López, Paco Carmona, Pilar Criado, Saila Chao, Sol Lamas e Xosé Fernández. Unha escolma de obras necesariamente pequena do inxente traballo que se desenvolve arredor de Narart, unha asociación que actualmente conta con 32 socios e socias. Pintura e fotografía son as dúas disciplinas principais, aínda que a entidade tamén mantén unha importante dimensión cultural e social, con iniciativas como o seu certame literario anual, colaboracións con entidades sociais ou actividades de carácter benéfico.
A súa traxectoria expositiva lévaa con frecuencia a distintos espazos da comarca, desde Neda e Ferrol ata Fene ou San Sadurniño. O presidente de Narart, José Ignacio Dapena, explica que unha das razóns de ser do colectivo é crear un punto de encontro para persoas con inquedanza artísticas e favorecer a relación “colectiva fronte ao individualismo” entre creadoras e creadores. A secretaria da asociación, Katy Martín, destaca pola súa banda que a entidade, a pesar de “ser aínda moi pouquiños”, ten “moitas cousas planificadas” para seguir medrando e ampliar progresivamente a súa actividade, con exposicións, saídas para pintar ao aire libre, cursos ou clases maxistrais cando dispoñan dun espazo axeitado para desenvolvelas.
Esa vontade de crecemento vai acompañada dun chamamento explícito á participación. Narart quere ser unha asociación de ámbito comarcal e non un colectivo circunscrito ás persoas creadoras de Narón. “Abrimos a porta a todo o mundo”, resume Dapena, lembrando que nas súas exposicións teñen cabida tamén artistas doutras localidades e mesmo doutras disciplinas, como a escultura. Martín fai extensiva a invitación a “todos os pintores e artistas da comarca”, sexan de Narón ou doutros concellos, para que se incorporen e poidan dar visibilidade ao seu traballo a través das diferentes mostras que organiza a entidade.
A apertura da asociación é, de feito, unha das características identitarias de Narart, un colectivo que naceu en 2011 coa finalidade de divulgar o labor artístico da zona e que desde entón foi construíndo unha programación baseada principalmente na organización de exposicións colectivas. A entidade xa levou os seus traballos a espazos como a Casa das Palmeiras de Neda, Exponav, a Fundación de Ferrol ou a Casa da Cultura de Fene, onde nos últimos anos continuou ampliando a súa presenza.
A mostra de San Sadurniño supón, neste sentido, unha nova oportunidade, e xa van tres na galería municipal, para facer visible esa diversidade. Entre as obras expostas conviven diferentes propostas pictóricas e fotográficas, con técnicas e linguaxes variadas, nunha escolma que pretende ofrecer unha visión de conxunto do colectivo máis que presentar unha temática común. “É unha pequena mostra do talento que hai en Narart”, explica Martín, quen salienta que entre os seus integrantes hai persoas dedicadas á acuarela, ao acrílico ou á fotografía, entre outras disciplinas.
Os responsables de Narart valoran especialmente as características da galería municipal para acoller mostras deste tipo. Dapena e Martín coinciden en destacar tanto a luz como o seu deseño arquitectónico e o propio edificio no que se integra. “Isto é unha gozada”, apunta Martín, agradecendo ao Concello a posibilidade de volver ocupar un espazo no que Narart xa organizou exposicións anteriormente.
A exposición poderá visitarse ata o 30 de setembro na galería da Casa do Concello de San Sadurniño, de luns a venres, entre as 9:00 e as 14:00 horas. A entrada é libre e a mostra constitúe unha boa oportunidade para coñecer de preto o traballo dunha asociación que aspira a seguir sumando artistas e a consolidarse como punto de encontro para a creación cultural de toda a comarca.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
