Pablo J. Rañales presenta Espigas queimadas, a súa nova novela de terror psicolóxico, na vila de Ares

O autor estará acompañado polo veciño aresá José Montero, ‘Peli’, e asinará exemplares da súa obra ao peche da conversa.

Pablo J. Rañales

O salón de actos da Alianza Aresana acollerá, no marco das citas literarias que programa a Concellaría de Cultura deAres, a presentación de Espigas Queimadas, a última novela do xornalista e escritor Pablo J. Rañales.

O vindeiro 10 de setembro, ás 19:30 horas, Rañales conversará con José Montero, ‘Peli’, sobre as características desta obra de terror psicolóxico, a primeira incursión neste xénero do autor mugardés: unha historia ambientada nas profundidades dos Ancares, no concello de Cervantes, e que afonda no horror dos bucles afectivos, eses círculos viciosos das relacións sociais e amorosas das que un non sabe xamais como saír.

Así, Espigas Queimadas está protagonizada por Rafael e Alba, unha parella moza enxaulada nunha habitación dunha casa rural e atrapada sobre un tempo que se dobra sobre si mesmo. Serán eles os que revivirán, baixo a calor asfixiante de agosto, as fendas da súa relación amorosa: o desexo murcho, a culpa, os resentimentos. Todo ao compás dunha forza perversa que organiza o horror e o repite para quebralos: Papá Piornedo.

Se a ciencia ficción é unha ferramenta para pensar o futuro, para imaxinar horizontes e camiñar cara a eles, o terror incide nos medos colectivos: no que tememos, no que nos dana como sociedade”, explica Rañales arredor da mudanza de xénero que supón esta nova obra. “Por iso Espigas queimadas tamén reflexiona sobre o sistema, en como impacta no que somos, nos nosos corpos e mentes, e nos vínculos que construímos”.

A publicación continúa, ademais, unha das liñas presentes na traxectoria recente do autor: a exploración de xéneros cunha presenza aínda minoritaria dentro do ecosistema literario galego. Se con Os afogados (Editorial Galaxia, 2023), obra gañadora do VII Premio Illa Nova de Narrativa, se achegaba á ciencia ficción e á distopía, desta volta Rañales traslada a súa escrita ao terreo do terror cunha novela curta en formato de peto.

Pablo J. Rañales, xornalista e escritor

SOBRE O AUTOR
Pablo J. Rañales (Mugardos, 1999) é xornalista cun mestrado en Comunicación en Medios Sociais da Universidade de Vigo. Comezou no mundo editorial na adolescencia e a través de dúas obras colectivas: La narrativa de suspense (2015) e Seis días para leer y mil noches para soñar (2016).

Continuou coa publicación do seu relato Amor imperfecto na revista norteamericana Contrapuntos V, en 2017; impartiu clases de escritura creativa en Ares e obtivo o 1º Premio de Literatura Experimental (2020) da Fundación
Wenceslao Fernández Flórez.

En 2021, publicou a súa primeira novela, Siervos de tinta, á que seguiu en 2023 a segunda, En la chepa del busero, ambas inscritas nun particular realismo máxico. En xuño dese mesmo ano, gañou a sétima edición do Premio Illa Nova Narrativa con Os afogados. Agora regresa con Espigas queimadas, a súa estrea no xénero do terror.

SINOPSE DA NOVELA
Os corpos violentados de Alba e Rafael trastocan a cotiandade de Piornedo, unha bucólica casa rural situada nas profundidades dos Ancares. Son, despois de sete días atrapados na súa habitación, unha muller esmagada a puñadas e un home colgado no baño. Mais coa luz do amencer e a calor asfixiante de agosto agroma unha pregunta:

Que fixo chegar até ese extremo a unha parella que se amaba?

Atrapados nun tempo que se dobra sobre si mesmo, Alba e Rafael veranse obrigados a revivir, unha e outra vez, as fendas da súa relación: o desexo murcho, a culpa, os resentimentos. Pero o que acontece nas entrañas da casa rural vai máis alá do conflito de parella: hai unha forza que organiza o horror e o repite para quebralos.

Espigas queimadas é unha novela de terror psicolóxico cosida dende a claustrofobia. Unha historia que explora a lóxica dos bucles emocionais, o impacto do turbocapitalismo nos nosos corpos e mentes e a imposibilidade de fuxir de certas dinámicas afectivas.

Lea también

Periodistas de 16 países han enviado sus artículos al Premio Internacional Afundación de Periodismo Julio Camba

La recepción de candidaturas para la 47ª edición está abierta hasta el 10 de septiembre. …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *