Xa está en marcha o XI Chanfaina Lab en San Sadurniño

Foto de familia do XI Chanfaina Lab tomada na escola da Seara en Ferreira (Iago Lourido)

O XI Chanfaina Lab xa está en marcha en San Sadurniño. A primeira xornada levou as persoas participantes por diferentes espazos do concello, desde o arboreto municipal e a horta de conservación de froiteiras Carlos Fornos ata a escola da Seara, onde se inaugurou a exposición Fálame de Ferreira. As escolas da emigración e se tomou a foto de familia desta edición. A Eira de Cineastas e a proxección de Sirat, de Oliver Laxe, completaron un primeiro día que deu paso a un sábado dedicado ás rodaxes por todo o territorio.

A Casa da Cultura de San Sadurniño foi este pasado venres o primeiro punto de encontro para as persoas participantes no XI Chanfaina Lab, antes de comezar un percorrido que as levaría por distintos espazos do concello ao longo da xornada.

O primeiro acto colectivo tivo lugar no Concello, onde o alcalde, Secundino García Casal, e a concelleira de Participación Veciñal e Axenda 2030, Raquel Piñeiro, deron a benvida ás creadoras e aos creadores que participan nesta undécima edición. Durante a recepción, García Casal puxo en valor a traxectoria dun encontro que, once edicións despois, continúa medrando e demostrando a súa capacidade para xerar novas miradas arredor de San Sadurniño.

A mañá continuou cun paseo polo territorio. Desde o pazo municipal, a comitiva percorreu os xardíns e o paseo fluvial e fixo unha parada fronte á Deusa Navia, á que lle confiaron un desexo compartido para esta fin de semana: que o tempo acompañase as actividades do Chanfaina.

O percorrido continuou ata o arboreto de especies autóctonas, onde Raquel Piñeiro ofreceu unha breve introdución sobre este espazo. Alí chegou un dos momentos simbólicos da xornada: o amadriñamento da árbore desta XI edición, unha ameixa negra que queda desde hoxe ligada á historia do Chanfaina Lab.

Antes do xantar, o grupo achegouse á horta de conservación de froiteiras Carlos Fornos para coñecer este proxecto e o traballo que se desenvolve arredor da recuperación e conservación das variedades locais. A visita incluíu unha pequena degustación de froita recentemente recollida e de produtos elaborados na Fusquenlla, como zumes, compota e marmelada.

A escola da Seara, protagonista da tarde

A programación da tarde levou o Chanfaina ata Ferreira. Manolo González, promotor do encontro e do proxecto Fálame de San Sadurniño, guiou a visita á escola da Seara, un dos espazos que protagonizan esta edición.

Alí tivo lugar tamén a foto de familia do XI Chanfaina Lab, que nesta ocasión quixo render homenaxe ás antigas fotografías escolares da Seara. A imaxe recrea a disposición dos grupos de alumnos e alumnas que aparecen nunha das fotografías da exposición _Fálame de Ferreira. As escolas da emigración_, coas nenas na primeira fila e os nenos detrás.

A visita serviu ademais para inaugurar a exposición, coa que Manolo González afondou na historia das escolas da Seara e da Leiriña e no papel decisivo que tiveron as persoas emigrantes de Ferreira na súa construción. A mostra, realizada en colaboración coa Asociación de Veciños O Pico de Ferreira, poderá visitarse durante todo o mes de setembro no local social A Seara, os venres de 19:00 a 21:00 horas.

De volta en San Sadurniño, a Casa da Cultura acolleu a Eira de Cineastas, un dos momentos centrais do Chanfaina Lab. As creadoras e os creadores presentaron ao público unha pequena mostra do seu traballo e das súas formas de entender a creación audiovisual. A sesión completouse cunha proxección de case hora e media, con curtas e fragmentos de diferentes pezas.

A primeira xornada pechouse na praza Ramón Díaz Raña cunha sesión de cine ao aire libre. Ás 22:00 horas proxectouse _Sirat_, a película de Oliver Laxe, cineasta que participou no Chanfaina Lab na súa cuarta edición, en 2017. A proxección foi posible grazas á Rede Cultural da Deputación da Coruña e permitiu reencontrar co público unha obra dun dos cineastas que forman parte da historia do propio Chanfaina.

Sábado de rodaxes por todo o concello

O sábado será a xornada máis intensa para as persoas participantes no XI Chanfaina Lab. A partir das 10:00 horas comezan as rodaxes, que se desenvolverán ao longo de todo o día en diferentes puntos de San Sadurniño.

Como é habitual no Chanfaina, non haberá un tema único nin unha fórmula pechada. Cada cineasta ou colectivo decidirá que mirar, que contar e como facelo, a partir dos espazos, das persoas e das historias que vaia atopando durante a súa percorrida polo territorio. As cámaras volverán así ocupar distintos recunchos do concello, nunha xornada de creación simultánea e aberta á participación e ao encontro coa veciñanza.

O día rematará ás 23:00 horas na cafetería DZINE cunha foliada aberta ao público, coa actuación de Berros do Castro e O Lado Escuro. A entrada será libre e gratuíta e a organización anima tamén a quen queira achegarse a traer as súas propias pandeiretas para sumarse á festa.

Lea también

Neda celebra del 8 al 10 de septiembre las fiestas patronales en honor a Santa María

Tras la Fiesta del Pan de Neda, que tendrá lugar este domingo 6 de septiembre, …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *