Neda exalta o seu produto estrela cunha visita interpretativa ao muíño do Carrizo, edición rockeira da Noite de Bolos e a Festa do Pan

O Concello convida á cidadanía a tomar parte da variada programación da festa, declarada de Interese Turístico de Galicia.

Archivo. Muíño Carrizo -Neda

Neda inaugura este sábado a programación da XXXVI edición da súa Festa do Pan cunha visita interpretativa ao Muíño do Carrizo. Por segundo ano consecutivo os seus donos abren as portas da súa propiedade para que a cidadanía poida empaparse da historia desta centenaria edificación que comezaba como fábrica de papel e continuaba como muíño fariñeiro ata a década dos 80 do século pasado. Así mesmo, Xavier Pujol, un dos seus copropietarios, acompañará ás persoas participantes na camiñada previa, que partirá xa ás 10.00 horas da área recreativa de Maciñeira en dirección ao muíño, e en paralelo ao curso do Belelle. Un itinerario no que Pujol falará da flora e fauna do territorio e dos usos e costumes da zona ligados ao río. Con inscrición previa, a iniciativa completaba en apenas un día o medio centenar de prazas ofertadas.

Foto archivo Festa do Pan de Neda

A programación continuará mañá sábado pola noite na contorna do albergue de peregrinos cunha nova edición da Noite de Bolos. Mckuin, a veterana banda tributo a Queen, encabeza o cartel dun festival máis que consolidado no calendario da comarca, e que este ano conta co patrocinio da Deputación da Coruña e o apoio de Turismo de Galicia e Abanca. Con preto de tres décadas ás súas costas, ofrecerán as mellores versións dos temas máis míticos de Queen co seu particular toque hard rock.

O cartel complétase con Lady Evil, tributo ás grandes bandas do hard rock e do heavy dos 80 como Iron Maiden, Judas Priest ou Scorpions, e Clandestinos, formación coruñesa que versiona clásicos do rock nacional como Barricada, Loquillo ou Leño.

Foto Galicia Artabra edición 2025

E xa o domingo, o paseo marítimo acollerá unha nova edición da Festa do Pan de Neda, fiel á tradición e cun programa pensado para desfrutar en familia. Comezará ás 10:00 horas coa apertura de panaderías. La Gallega, Paca Castro Romero e Panificadora Germán porán á venda a súa variedade de empanadas, doces e, claro está, pan. Á mesma hora, abrirán os postos do mercado de artesanía, e ás 11:00 horas, comezará a animación a pé de rúa coa agrupación Airiños de Fene e os cabezudos da Asociación Cultural Piruchela.

Ás 12:00 horas está previsto o espectáculo “Hoxe, si!”, da compañía Sempre Arriba. Un show de clown, acrobacias aéreas e moito humor para desfrutar en familia. E á mesma hora, o público asistente poderá participar nunha degustación de produto da ría promovida pola Confraría de Pescadores e Mariscadores de Ferrol. Sen abandoar o capítulo gastronómico, media hora máis tarde, porase a disposición dos asistentes as empanadas presentadas a concurso, ata esgotar existencias.

Fuente Concello de Neda
Eduardo Dobarro | Fot. Concello de Neda

O pregón correrá por conta do director de Navantia Ferrol, o nedense Eduardo Dobarro, e con el inaugurarase oficialmente a cita ás 13:00 horas. De seguido, daranse a coñecer as persoas gañadoras do concurso de empanadas, e procederase á entrega de premios. A programación continuará coa sesión vermú e os temas de Los Zares, e a festa acollerá tamén a presentación oficial da nova formación musical Os Kurtidos, que interpretarán algúns temas do seu repertorio.

O xantar popular celebrarase ás 14:00 horas cun menú con pan, empanada, paella, churrasco, bebida, doce e café ao prezo de 22 euros. Como é costume, os tickets poderán mercarse na festa durante toda a mañá, ata completar aforo. Unha festa que terá continuidade contra as 15:30 horas coa actuación de A Charanga da Carmiña.

Os máis pequenos e pequenas da casa serán os grandes protagonistas da tarde, e ademais de poder desfrutar de inchables gratuítos -todo o día-, ás 17:00 horas poderán participar nun obradoiro de elaboración de pan coa Granxa Escola Belelle. Xa ás 18:30 horas, celebrarase o espectáculo de clown e escapismo “A vida tola”, con Natalia Outeiro.

E neste 2026, o músico e investigador Xurxo Fernándes, que trae a Neda o seu espectáculo “Levaino”, será o encargado de poñer o broche de ouro á Festa do Pan de Neda.

 

Lea también

Valdoviño exige a Turismo de Galicia los informes del cierre temporal del camping municipal

El alcalde, Alberto González, «hecha en falta una llamada de la Xunta informando de la …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *