O portavoz do Grupo Municipal Socialista, Ángel Mato, defendeu que gastar máis dun millón de euros, como vén de facer Rey Varela, “debera ter servido, cando menos, para levar espectáculos e actividades a toda a cidade”. Lamentou as numerosas queixas que se produciron durante o peche das celebracións, cando moitas das persoas non puideron chegar aos shows que tiñan lugar no porto debido á falta de previsión do goberno local.
O Grupo Municipal Socialista fixo balance dunhas festas de Ferrol que, pese a sumar un custo superior ao millón de euros, case o dobre que o ano pasado, non contaron cunha programación suficientemente variada para todos os públicos e aínda menos tiveron impacto nos barrios. Trátase dunha cifra provisional e aínda non oficial, polo que o PSOE reclámalle ao alcalde que facilite todas as facturas en detalle, incluídos os contratos técnicos, organizativos e artísticos.
O voceiro socialista, Ángel Mato, sinalou que, “cunha boa organización, que acadase un retorno para a maioría da xente e para todas as zonas da cidade, ese gasto tan elevado incluso podería chegar a considerarse un investimento, pero no caso contrario, é un despilfarro”. “Debera ter servido, cando menos, para levar espectáculos e actividades a toda a cidade, pero non foi así”, engadiu.
Para o PSOE, unha boa mostra da desorganización foi o peche das celebracións, “cun caos de tráfico e incontables queixas de persoas que non podían acceder aos espectáculos do porto”, apuntou o portavoz, que lembrou que os festexos xa naceron con numerosos problemas de tramitación administrativa que obrigaron ao goberno local do PP a volver licitar contratos de moi elevado importe relacionados coa montaxe dos concertos.
“Precísase unha programación mellor, máis variada, máis completa, que se espalle por máis espazos e máis horas do día, e non só espectáculos concentrados practicamente nun único punto do centro da cidade e en horario nocturno”, afirmou Mato.
O voceiro socialista insistiu en que o debate non está en se Ferrol debe investir nas súas festas, senón en como se administran os recursos públicos. “Claro que todos queremos unhas festas ambiciosas e capaces de atraer público, pero gastar o dobre obriga a ofrecer unha mellora equivalente. E esa diferenza non se percibiu este ano”, asegurou.
En 2022, o o goberno municipal socialista organizou unhas festas que recibiron unha boa valoración cun orzamento inferior aos 400.000 euros. A programación desenvolveuse durante doce días e incluíu, ademais de grandes concertos, rondallas, grupos locais, actividades infantís, cine, teatro, maxia, xogos tradicionais e propostas para públicos de distintas idades.
Nese senso, o Grupo Municipal socialista defende que, cando o orzamento se incrementa, os e as ferroláns deberían percibir unhas festas claramente mellores, con máis actividades, maior diversidade e unha organización á altura dese esforzo económico. Recordan tamén que o programa debera contar unha maior presenza de propostas culturais, populares e participativas, ademais de oportunidades para os artistas e grupos locais.
O PSOE defende que as próximas festas se planifiquen con maior antelación, cun orzamento equilibrado e transparente e cun programa que combine concertos, cultura local, actividades infantís, espectáculos de rúa e propostas para os barrios.
“Ferrol merece unhas boas festas, pero tamén merece que cada euro público se utilice con responsabilidade. A boa xestión non se mide polo que se gasta, senón polo resultado que se consegue”, concluíu Ángel Mato.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
