O XI Chanfaina Lab reúne en San Sadurniño máis de vinte cineastas

Do 4 ao 6 de setembro, as persoas participantes crearán e rodarán novas pezas audiovisuais no territorio, nunha fin de semana con proxeccións, exposicións e unha foliada.

Archivo-2022

San Sadurniño volverá converterse esta fin de semana nun espazo de creación e encontro arredor do audiovisual coa celebración do XI Chanfaina Lab, que terá lugar os días 4, 5 e 6 de setembro. Máis de vinte cineastas e colectivos participarán nunha nova edición deste encontro, que reúne persoas con diferentes traxectorias, idades, procedencias e formas de entender a creación audiovisual.

Entre os e as cineastas participantes nesta edición están Bieito Beceiro, Iván Castiñeiras, Alejandro Castro, Iago Castro, Miguel A. Delgado, Xaime Fandiño, José Roberto Fernández, Alba Gallego, Pepe García e Isa Moreno, Kevin Lorenzo, Iago Lourido e Pablo Martínez, Carmen Méndez, Olga Osorio, Cruz Piñón, Gema Rodríguez, María José Serantes, Rebeca Tella e Abel Vega, xunto cos colectivos The Sungirls, Teño unha horta, Diáspora, A Rigueira, MonteZ e Proxecto Amarte.

Durante a fin de semana, as persoas participantes desenvolverán as súas propias propostas audiovisuais dentro dos límites municipais. Como en cada edición, o Chanfaina Lab non establece un tema nin unha fórmula creativa única, senón que parte da liberdade para que cada cineasta atope a súa maneira de mirar e contar o territorio.

Proxeccións, exposicións e música completan o programa da fin de semana
A primeira cita da fin de semana será o venres 4 de setembro ás 19:00 horas na Casa da Cultura, coa tradicional Eira de Cineastas, unha sesión que permitirá coñecer parte do traballo das persoas participantes na XI edición antes do inicio do inicio das rodaxes.

A Eira reunirá 21 pezas, entre filmes, teasers, trailers e fragmentos, cunha duración total de 83 minutos. O programa inclúe _Guión curta_, de Bieito Beceiro; _Senza fine_ (teaser), de Iván Castiñeiras; _San Simón_ (trailer), de Miguel A. Delgado; _Interrail_, de Diáspora; _Centenario do Himno Galego 1907-2007_, de Xaime Fandiño; _Natureza galega. A auga doce_, de José Roberto Fernández; _O vídeo esquecido_, de Alba Gallego; _Persistencia do baleiro_, de Pepe García e Isa Moreno; _Mírame_ (fragmento), de Kevin Lorenzo; _Solposto_ (fragmento), de Iago Lourido; _A prisión dixital_, de Pablo Martínez; _Pura_ (fragmento), de Carmen Méndez; _O refuxio_ (fragmento), de Monte Z; _Einstein Rosen_, de Olga Osorio; _A arte do silencio_ (fragmento), de Cruz Piñón; _A derradeira_, de A Rigueira Club; _Ausencia_ (fragmento), de Gema Rodríguez; _Gralla_ (trailer), de Rebeca Tella; _Gripe aviar_ (fragmento), de Teño unha horta; _Mariela_ (fragmento), de The Sungirls, e _O ourizo_ (fragmento), de Abel Vega. A sesión terá,entrada libre e gratuíta.

Xa ás 22:00 horas, a Praza Ramón Díaz Raña acollerá unha proxección ao aire libre de ‘Sirat, o filme de Óliver Laxe estreado en 2025. O sábado 5, o encontro continuará coa actividade de creación das persoas participantes e, ás 23:00 horas, o Café-Bar DZINE acollerá unha foliada, nunha noite destinada tamén á convivencia entre as persoas participantes e a veciñanza.

As escolas da emigración, protagonistas desta edición
A relación entre audiovisual, territorio e memoria estará tamén presente nas dúas exposicións fotográficas que poderán visitarse do 4 ao 30 de setembro.

O local social A Seara de Ferreira acollerá ‘Fálame de Ferreira’. As escolas da emigración, unha mostra centrada nas escolas da Leiriña e da Seara e na historia da emigración da parroquia. Pola súa banda, a Casa da Cultura presentará a exposición Chanfaina Lab, un percorrido pola historia do encontro e polas diferentes edicións celebradas desde a súa creación.

As escolas da emigración da parroquia de Ferreira son tamén o motivo central da identidade gráfica da XI edición. O cartel, deseñado pola artista ferrolá Irene Ávila Carreira, toma como referencia estes dous edificios construídos grazas ás achegas das comunidades emigradas en Montevideo e Bos Aires.

A elección deste patrimonio enlaza coa filosofía do Chanfaina Lab, que cada ano convida a mirar San Sadurniño desde perspectivas diferentes ea descubrir novas historias nos seus lugares, nas súas xentes e na súa memoria. A programación do XI Chanfaina Lab está aberta á cidadanía e todas as actividades da fin de semana son gratuítas.

O encontro de cineastas está organizado polo Concello de San Sadurniño e conta co apoio do Xeoparque Cabo Ortegal e da Deputación da Coruña.

Lea también

La Xunta destina 400.000€ a la senda que conectará Ortigueira con el aparcamiento del Festival del Mundo Celta

Se trata de un itinerario de medio kilómetro, cuyas obras tienen un plazo de 6 …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *