A incorporación da Deputación como principal patrocinador do evento permite reforzar e dimensionar o Torneo Cidade de Narón, que reunirá este fin de semana a 94 equipos e máis de 1.000 deportistas. Alevíns e benxamíns dalgúns dos principais equipos de España, Portugal, Alemania e Italia participan na competición.

A Deputación da Coruña dá un novo impulso ao Torneo Internacional Cidade de Narón, que nesta edición pasa a celebrarse como Gran Premio Deputación da Coruña e reunirá 94 equipos e máis de 1.000 nenos e nenas no Estadio Municipal de Río Seco.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o presidente da Sociedade Deportiva, Cultural e Recreativa Narón O Freixo, Rafael Pazos Louro, asinaron o convenio de colaboración que supón a incorporación da Deputación como principal patrocinador dun evento que nos últimos anos se consolidou como unha das grandes citas do fútbol base en Galicia e a nivel estatal. No acto participou tamén o deputado provincial de Deportes, Antonio Leira.

A Deputación achega 90.000 euros, o 80% do orzamento total do torneo, cifrado en 112.500 euros, unha contribución que permitirá potenciar a dimensión deportiva, organizativa e promocional dunha competición que continúa medrando ano tras ano.
“O futuro do fútbol dáse cita esta fin de semana en Narón”, destacou González Formoso, que salientou a importancia de que a Deputación “se incorpore con forza a un evento que xa demostrou a súa capacidade de crecemento e que ten todas as condicións para seguir gañando peso no calendario do fútbol base”.
O presidente provincial subliñou que “falamos de máis de mil rapaces e rapazas, 94 equipos e centos de familias que durante varios días van converter Río Seco nun auténtico punto de encontro arredor do deporte”.
Formoso destacou tamén o traballo desenvolvido pola SDCR Narón O Freixo para facer medrar a competición, que chega á súa 11 edición, e sinalou que o novo apoio provincial busca “dar estabilidade, reforzar a organización e contribuír a que o torneo siga dando pasos adiante, tanto en participación como en proxección exterior”.
Na competición participan benxamíns e alevíns dos grandes equipos galegos e españois como RC Deportivo da Coruña, RC Celta de Vigo, Sporting de Gijón, Real Oviedo, ou Cultural Leonesa. Tamén veñen á competición equipos de Portugal, Alemania ou Italia que fan do mesmo un gran escaparate da canteira dalgúns dos mellores equipos de fútbol europeos.
A cita continúa medrando ano tras ano en participación, público e repercusión. A pasada edición reuniu arredor de 3.500 espectadores e a organización traballa co obxectivo de superar os 5.000 asistentes nesta edición.
Seis días de fútbol base en Río Seco
O Gran Premio Deputación da Coruña – XI Torneo Internacional Cidade de Narón desenvolverase os días 4, 5 e 6 de setembro (cunha fase previa os días 1 e 2) nas instalacións do Estadio Municipal de Río Seco e contará con competición nas categorías benxamín e alevín.
O torneo comezará cunha fase previa e continuará cunha ampla fase principal na que competirán os equipos, distribuídos en oito grupos de cinco na categoría alevín e seis grupos de cinco en benxamín.
A competición desenvolverase simultaneamente en catro campos de fútbol 8, dous de herba natural e dous de herba artificial, o que permitirá manter unha intensa programación deportiva ao longo da fin de semana.
Os partidos da fase previa, primeira fase e Fase Prata terán unha duración de 20 minutos, mentres que os da Fase Ouro serán de 25 minutos. As semifinais e finais disputaranse en dous tempos de 15 minutos.
Fases Prata e Ouro
Tras a primeira fase, os equipos distribuiranse entre as fases Prata e Ouro en función dos resultados obtidos nos respectivos grupos.
Na categoría alevín, os dous primeiros de cada grupo accederán á Fase Ouro, mentres que o resto disputará a Fase Prata. En benxamíns, serán os tres primeiros clasificados de cada grupo os que continúen na Fase Ouro.
O sábado celebrarase a Fase Prata, coa correspondente entrega de premios, mentres que o domingo será a quenda da Fase Ouro, con fase de grupos, cuartos de final, semifinais e finais.
O torneo recoñecerá tamén o mellor xogador e o mellor porteiro de cada categoría, ademais dos trofeos para os primeiros clasificados.
Un evento con impacto deportivo e económico
O crecemento do torneo nos últimos anos converteuno nunha cita con impacto máis alá do ámbito estritamente deportivo.
A presenza de 94 equipos e máis de 1.000 deportistas suporá tamén a chegada a Narón e á comarca de centos de familiares, adestradores e acompañantes, cunha repercusión directa na hostalaría, restauración e comercio local.
Coa súa incorporación como principal patrocinador, a Deputación da Coruña reforza a súa aposta por un evento que promove o deporte entre os máis novos, fomenta valores como o esforzo, o compañeirismo e a convivencia e contribúe á proxección de Narón e de toda Ferrolterra.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.