Pontedeume anuncia que Boebre contará por primeira vez cun parque infantil e biosaludable

Será posible grazas a cesión ao Concello dunha parcela da Asociación de Veciños de Boebre.

PONTEDEUME 25 AGOSTO Parque Boebre

O Concello de Pontedeume vén de anunciar a construción dun parque infantil e biosaudable en Boebre, a primeira infraestrutura destas características na parroquia rural eumesa.

«Seguimos mellorando os espazos públicos das nosas parroquias e, nesta ocasión, facémolo cun proxecto especialmente ilusionante para Boebre«, sinala o alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández Piñeiro.

Este proxecto consiste, explica o rexedor, na construción «dun novo parque infantil e biosaudable que permitirá que os nenos e nenas da parroquia conten por primeira vez cun espazo propio de xogo e encontro, e os nosos maiores unha zona na que exercitarse».

«Será posible grazas á xenerosidade da Asociación de Veciños de Boebre, propietaria da parcela na que se instalará o parque e que decidiu ceder o seu uso ao Concello para poder facer realidade esta actuación«, engade.

«Quero agradecer de maneira moi especial este xesto á asociación e á súa directiva, así como o traballo realizado durante estes meses, en permanente coordinación, para atopar a mellor solución e facer posible este novo equipamento para a parroquia», indicou Fernández Piñeiro. «É un magnífico exemplo de como a colaboración entre o Concello e o tecido asociativo permite seguir avanzando e dando resposta ás necesidades da veciñanza», concluíu.

 

Lea también

Os concellos das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal unen forzas ante a situación do transporte

A Casa do Concello de Pontedeume acolleu esta semana unha reunión de traballo na que …