Xunta e o concello de Ferrol avanzan no proxecto dunha biblioteca central territorial

alcalde-secretario culturaO secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey, mantiveron onte unha xuntanza para avanzar na colaboración entre a Administración autonómica e local en materia de cultura. A solicitude do concello para que a Biblioteca Municipal de Ferrol forme parte da Rede de Bibliotecas de Galicia coa categoría administrativa de biblioteca central territorial foi un dos aspectos que se abordaron na reunión, que tivo lugar esta tarde nas dependencias municipais e na que tamén participou o concelleiro de Cultura de Ferrol, Manuel-Reyes García Hurtado.

Respecto desta solicitude, o secretario xeral de Cultura trasladoulle ao alcalde que, dada a súa condición de cabeceira nunha comarca cunha ampla e importante rede de bibliotecas públicas, a súas funcións que vén desenvolvendo e o territorio ao que lle ofrece os seus servizos, se prevé que a Biblioteca Municipal de Ferrol sexa designada coa categoría de central territorial no Mapa de Bibliotecas de Galicia, unha vez que así o determine o Consello de Cooperación Bibliotecaria.

Esta designación reforzará a colaboración da Consellería de Cultura e Educación coa actual Biblioteca Municipal de Ferrol, o que suporá unha mellora nos servizos que lle vén ofrecendo á cidadanía, como o de préstamo –grazas a un catálogo máis amplo de novidades editoriais–, ou unha maior oferta de actividades para o fomento e dinamización da lectura dirixidas a todos os públicos.

Agradecemento do alcalde de Ferrol

O alcalde de Ferrol agradeceulle á Consellería “a súa disposición a atender unha demanda histórica de Ferrol como é a entrada da Biblioteca Municipal da Praza de España na Rede de Bibliotecas de Galicia coa catalogación de biblioteca central territorial”. “Despois de máis dunha década de que se deran os primeiros pasos para conseguilo, por fin temos conseguido encamiñar esta cuestión, que agora sí que está desbloqueada e en vías de ser unha realidade”,

“A inclusión da biblioteca de Ferrol na Rede de Bibliotecas de Galicia permitirá mellorar este servizo ampliando o seu ámbito a toda a comarca, pois a biblioteca da Praza de España pasa a ser referencia en toda esta zona, como merece unha cidade universitaria como é a nosa”, afirmou o alcalde.

Lea también

Valdoviño acoge el espectáculo «De algo hai que morrer»

Malasombra producións  trae este viernes 13 a Valdoviño su espectáculo «De algo hai que morrer», …