O GALP pon en marcha o proxecto “Relevo Xeracional: O Futuro do Mar”

O proxecto busca promover o coñecemento e consolidación da Formación Profesional Dual no sector marítimo-pesqueiro.

Os oito Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) de Galicia, en colaboración coa Consellería do Mar e o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) poñen en marcha o proxecto “Relevo Xeracional: O Futuro do Mar” unha iniciativa estratéxica deseñada para garantir o relevo xeracional no sector marítimo-pesqueiro galego e fortalecer a conexión entre a formación, o emprego e o territorio.

O proxecto de carácter bianual busca impulsar a Formación Profesional Dual Marítimo-Pesqueira como vía eficaz para atraer mocidade ao sector, mellorar a empregabilidade, reforzar a sustentabilidade do modelo produtivo e visibilizar as oportunidades laborais reais que ofrece o mar. Neste período, desenvolveranse actividades dirixidas a centros educativos, concretamente aos niveis de E.S.O. como son: sesións de aula, experiencias de embarque para alumnado, visitas a instalacións pesqueiras ou unha estancia na illa de Ons.

O proxecto “Relevo Xeracional: O Futuro do Mar” aspira a converterse nunha ferramenta transformadora que conecte a mocidade coa realidade do sector, rompendo estereotipos e mostrando que o mar continúa sendo un ámbito profesional solvente, tecnificado, innovador e con forte impacto territorial.

O proxecto promove ademais a implicación activa dos armadores como axentes formadores na FP Dual, reforzando o vínculo entre o tecido produtivo e o sistema educativo, e contribuíndo a construír un modelo estable de relevo xeracional que dea continuidade á actividade pesqueira nas comunidades costeiras. Conta coa colaboración do grupo Itsas Garapen Elkartea de País Vasco.

Ciudad de la Cultura de Santiago- Xunta. archivo

ACTO DE PRESENTACIÓN

O acto oficial de presentación do proxecto terá lugar o mércores 10 de decembro de 2025 ás 17:00 horas na Sala Eisenman da Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela, nun evento aberto ao sector, á comunidade educativa e á sociedade en xeral.

Durante o encontro explicaranse os obxectivos, metas e metodoloxía do proxecto, así como as oportunidades de participación para centros educativos, armadores, entidades formativas e profesionais do mar.

Para asistir ao acto inaugural é necesario confirmar participación antes do 5 de decembro, enviando nome, apelidos, DNI, teléfono e correo electrónico ao e-mail info@arenariacoordinacion.com, ou chamando ao 633 33 54 63 (María) ou 608 98 92 58 (David). Tamén será posible seguir o evento de xeito on line a través da súa retransmisión en directo cun enlace que será difundido polos GALP en días previos á cita.

O acto contará coa presenza de representantes institucionais e incluirá un petisco con produtos do mar característicos dos distintos territorios GALP.

Lea también

La Xunta intensifica el muestreo técnico en el banco marisquero de Pontedeume para evaluar los daños

La Consellería do Mar de la Xunta de Galicia ha intensificado las labores de muestreo …