A Biblioteca municipal de Narón acolleu o sábado 11 ó mediodía o acto de recoñecemento aos usuarios de honra das citadas instalacións municipais. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e a edil de Bibliotecas, Olga Ameneiro, acudiron á convocatoria, que se celebra cada ano na cidade, dende o 2014, para conmemorar o Día das persoas usuarias das bibliotecas, acto no que tamén participou Ainhoa González, responsable da citada Biblioteca.
Na categoría de usuarios infantís (ata 14 anos), homenaxeouse a Isabella Miranda López, Leo Fernández Rodríguez, Silvia Carnero López e Elsa Vázquez Gravecha. No que respecta aos usuarios da categoría de adultos, o recoñecemento foi para Josefa Miragaya Crespo, José Pantín López, Juana Puente Rodríguez, Juan Zamora Pando e Begoña Seoane Sánchez.
A rexedora local felicitou a todas as persoas homenaxeadas e, xunto coa edil responsable da área, entregoulles un diploma acreditativo desta homenaxe e tamén un pequeno agasallo. A través deste recoñecemento, dende a cidade apóstase por destacar a especial implicación coa biblioteca destas persoas durante o ano anterior.
Ferreiro destacou que máis de 10.500 persoas teñen como referencia este centro, incidindo na variedade de servizos e fondos a disposición de todas elas. Así mesmo, durante o acto, quixo agradecer o labor das persoas que traballan tanto neste centro como na axencia de lectura da Gándara e na ludoteca municipal da Solaina.