A parroquia de Sedes, Narón, acolle a XXIII Feira do mel e produción primaria

 
O recinto feiral do Trece, na parroquia de Sedes, Narón, acolle este domingo 20 unha nova edición, a trixésimo terceira, da Feira do mel e produción primaria. Os edís de Feiras, Mar Gómez, e Medio Ambiente, Manuel Ramos, presentaron a convocatoria xunto ao delegado da Asociación Galega de Apicultura en Ferrolterra, Rafael Díaz.
 
A feira contará cunha trintena de postos de venda de mel, queixo e outros produtos e abrirá de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 horas, con entrada de balde.
 
Na convocatoria participarán varios gañadores do prestixioso certame “Mel Cinco Estrelas”-entre eles algúns veciños de Narón- o que suporá contar cunha inmellorable representación do mellor mel galego, tal e como indicaron dende AGA.
 
“Con esta nova edición de esta popular feira preténdese rememorar a ancestral tradición da apicultura galega, un oficio ancestral que se mantén puramente artesanal”, destacou Díaz.
 
A feira abrirá ás 10.00 horas e ás 11.30 haberá un relatorio técnico sobre Produción primaria e a súa normativa de comercialización”, que impartirá Gonzalo Calvo, veterinario especializado en apicultura.
 
Ás 12.30 horas dará comezo unha demostración culinaria de elaboracións con mel a cargo de Noela Torres e ás 13.00 haberá un magosto e unha actuación musical que rematará ás 14.00 horas.
 
Pola tarde reabrirá a feira ás 16.00 horas, con obradoiros infantís ata as 19.00 e tamén ás 17.00 horas haberá unha nova degustación culinaria con Noela Torres e outra de pan e queixo do país con Mel cinco estrelas.
 
O relatorio técnico da tarde, ás 18.00 horas será de novo con Gonzalo Calvo, que falará dos produtos da colmea, mel pole, própole e as súas propiedades medicinais. Ao longo de toda a xornada, tal e como avanzou Mar Gómez, haberá actividades divulgativas, como un posto de AGA, unha exposición de láminas didácticas monitorizadas… e sortearanse produtos da feira entre os asistentes.
 
 
A convocatoria rematará ás 19.00 horas. Os representantes tanto do Concello como de AGA animaron ós veciños a achegarse ao recinto do Trece este domingo, onde tamén se instalarán dous postos de venda de polbo e churrasco para a xente que queira xantar alí.

Lea también

Uns 300 deportistas participarán este sábado 20 no Acuatlón Cidade de Narón

Uns 300 deportistas participarán mañá no Acuatlón Cidade de Narón. Campionato Xunta de Galicia organizado …