O alumno da Facultade de Ciencias do Traballo do Campus Industrial de Ferrol, José Zar Varela, vén de acadar o oitavo premio á excelencia académica que outorga a Fundación Justicia Social co seu Traballo de Fin de Grao “A regulación da relación laboral especial dos penados nas institucións penitenciarias”, presentado e defendido no curso académico 2023/24 baixo a titorización do profesor da Universidade da Coruña, José López Coira.
José Zar Varela, quen na actualidade cursa o máster en Xestión e Dirección Laboral na Facultade de Ciencias do Traballo, recolleu este premio nun acto que tivo lugar a finais de setembro na sede do Consejo General de Colegios de Graduados Sociales de España en Madrid.
A Matrícula de Honra obtida no traballo final do grao en Relación Laborais e Recursos Humanos que se imparte no Campus Industrial de Ferrol permitiulle participar neste certame xunto a outros 20 estudantes de 18 universidades españolas tanto públicas como privadas.
Finalmente, o alumno da Universidade da Coruña obtivo o oitavo premio dotado cun cheque por valor de 100 euros, un trofeo así como un exemplar dun libro no que se recolle unha escolma dos oito traballo seleccionados no curso 2023/24.
Ao igual que o resto de estudantes galardoados e galardoadas terá a colexiatura gratuíta durante un ano.
Tal e como indican desde a Fundación Justicia Social, o xurado valorou o “alto nivel de calidade” dun traballo final de grao no que se afondaba nas relacións laborais especiais que teñen as persoas penadas nos distintos obradoiros de inserción laboral que se poñen en marcha nos centros penitenciarios, facendo fincapé nas carencias que existen e poñendo en riba da mesa propostas lexislativas para mellorar a regulación existente.