As axudas para o pago de liquidacións de acometidas de abastecemento e saneamento no rural poderán solicitarse dende este martes día 1.
O Concello de Narón abre este martes 1 e ata o día 21 de outubro (incluído), o prazo de solicitude de axudas para o pago das liquidacións tributarias de acometidas para abastecemento de auga potable e rede de sumidoiros na zona rural.
Así o indicou a concelleira de Benestar Social, María Lorenzo, que recordou que para poder optar ás mesmas o beneficiario ou beneficiaria deberá estar empadroado en Narón, na vivenda para a que se solicita a subvención.
Poderán solicitar estas axudas os propietarios de vivendas con escasa capacidade económica que houberan satisfeito ou deberan satisfacer (se solicitaron ou teñen concedido o fraccionamento de pago) o importe das taxas xeradas para conectarse á rede xeral de auga ou alcantarillado na zona rural obxecto desta convocatoria.
A edil naronesa indicou que a través deste procedemento se facilita o acceso ao subministro dos servizos básicos de auga e alcantarillado no rural ás familias en situación de vulnerabilidade, sufragándose a través das mesmas ata o 95% do custe das acometidas.
Serán subvencionables as realizadas con posterioridade ao remate do prazo de solicitude das axudas da convocatoria do ano 2022 ata o último día do prazo da solicitude da presente convocatoria, en novos tramos das parroquias de Sedes, O Val, San Mateo, San Xiao, Camiño da Fonda, estrada do Trece, lugar de Ferrerías e Prados, tal e como figura no Boletín Oficial da Provincia (BOP) do luns 30 de setembro.
As solicitudes poden presentarse a través do modelo oficial do Concello xunto coa documentación correspondente na Sede Electrónica ou no Rexistro Xeral do Concello.
As persoas interesadas en recibir máis información poden consultar a Sede Electrónica do Concello, ou dirixirse ao Servizo Sociocomunitario –no primeiro andar do Consistorio-.