O Concello de Fene completa a rede de abastecemento en Limodre

O Concello de Fene está a executar as obras de dotación de abastecemento de auga na parroquia de Limodre nos lugares do Camiño Grande – O Cotillón, A Fraga e O Sino. Unha intervención coa que se completa a rede de abastecemento municipal no conxunto de Limodre, garantindo o acceso á auga potábel a todas as vivendas da parroquia, e dando resposta así a unha histórica demanda veciñal.

O alcalde de Fene, Juventino Trigo, e o concelleiro de obras, Manuel Polo, realizaron unha visita ás obras para supervisar o seu desenvolvemento e constatar a súa finalización dentro dos prazos previstos. Durante a visita, o alcalde destacou que “coa culminación destas obras, daremos resposta a unha necesidade moi demandada pola veciñanza, completando a rede de abastecemento e mellorando a calidade de vida na parroquia de Limodre”. Lembrou o rexedor que nos últimos anos “algunha das vivendas que até o de agora non dispuñan de servizo de auga tiveron problemas de escaseza nos seus pozos”.

Pola súa parte, Manuel Polo subliñou o aspecto técnico das actuacións realizadas, explicando que “as obras implicaron a instalación de novas canalizacións que conectan coa rede existente, asegurando unha subministración constante e eficiente de auga mesmos nos meses de verán”. Destacou Polo que “o uso de técnicas de perforación horizontal dirixida permitiu minimizar o impacto das intervencións sobre as estradas principais”.

Estas obras, que foron adxudicadas por 100.648,64 euros, están financiadas con cargo ao POS+ Adicional 2/2021 da Deputación da Coruña. Unha intervención que comprende a instalación de tubaxes de polietileno de alta densidade ao longo das vías municipais, respectando as características xeotécnicas e topográficas da zona para garantir a durabilidade e eficiencia da infraestrutura.

Con esta intervención, que conta cun prazo de execución de seis meses, o Concello de Fene continúa avanzando na dotación de infraestruturas básicas dentro do conxunto de melloras que o ente municipal está a desenvolver en todo o termo municipal.

Lea también

La alerta roja por temporal costero obliga al cierre del acceso al Faro de Punta Frouxeira en Valdoviño

  El Ayuntamiento de Valdoviño ha cortado en el mediodía de este miércoles 11 la …