O Concello de Valdoviño estrea este venres, día 23 pola noite na Porta do Sol o seu esperado vídeo promocional. Trátase dun traballo, obra do realizador local Álvaro Núñez e máis de Alberto da Silva, que incide na
vinculación da localidade co mar. Un audiovisual no que a propia veciñanza tivo ocasión de participar de forma activa.
Todas as persoas que se sumaron á gravación como extras, as firmas da localidade que axudaron, e cantos se acheguen a partir pas 22.30 horas á primeira edición nocturna do Mercado sostible terán ocasión de ver en primicia o videoclip.
«Hidrolatrías. Valdoviño un paraíso ligado á auga», que así se titula a peza, pon en valor, a importancia do mar na vida do municipio e da súa xente, dende o punto de vista da tradición. Ademais, segundo Núñez, explora a conexión entre o ciclo da auga e o propio ciclo da vida.
O goberno local aposta de novo polo talento e creatividade local para actualizar esta ferramenta de promoción. Así, ademais de Núñez, autor do anterior vídeo oficial do Concello, a tamén valdoviñesa María Medín colabora no guión.
A data elixida para a estrea, coincidindo co arranque do Pantín Classic, non é casual. De feito, a iniciativa municipal conta con financiamento da Xunta, Turismo de Galicia e Abanca no marco das axudas que conceden a municipios con Festas de Interese Turístico Galego, como o veterano certame surf.
Como broche de ouro, ao finalizar a estrea, ao redor das 23.00 horas, dará comezo o concerto de Black Quinteto, que traerá a Valdoviño o seu novo espectáculo «Black goes funky-disco»