San Sadurniño recupera a súa emblemática galería

Sala de exposicións e de actos, lugar arredor do que se artellan as dependencias municipais, corredor acristalado que ilumina e caldea o edificio e, sobra dicilo, espazo dunha grande beleza construtiva. Todo iso e máis é a galería do antigo Pazo da Marquesa, hoxe Casa do Concello de San Sadurniño, que leva meses en obras para saneala ao completo e conseguir unha maior eficiencia enerxética de todo o inmoble.

Dos traballos, que combinan a artesanía coa carpintaría de precisión, ocúpase o grupo Cándido Hermida. Suporán un investimento duns 200.000 euros, financiados con remanentes do Concello.

A galería do pazo reparouse durante as obras acometidas no inmoble hai unha década. Naquel momento, e de acordo co orzamento total dispoñible, optouse por unha intervención centrada en conservar os elementos aproveitables e na reconstrución dos máis danados. 

Porén, o uso intensivo da casa consistorial, a humidade e incluso os excrementos dos paxaros provocaron  desperfectos en varios ventanais, nos paneis laterais e ata nalgunhas trabes que sustentan a estrutura. De feito, as podremias detectadas na madeira aconsellaron prohibir o uso desa parte do edificio, que desde hai varios meses se encontra clausurado por seguridade.

Por estas razóns, o executivo local decidiu reservar unha partida de 200.000 euros dos remanentes líquidos de tesouraría cos que se pechou a contabilidade de 2022 para dedicalos á restauración completa da galería. Un proxecto que desde a fase de idea até a súa planificación e inicio tivo que «pasar por múltiples vicisitudes», asegura Secundino García Casal.

«Tiñamos os fondos para facer a obra e tamén estaba máis ou menos claro como tiña que ser, xa que do que se trataba era de reconstruír a galería con total fidelidade á orixinal. Pero unha cousa é telo claro e outra moi distinta levalo á práctica, porque antes de chantar a primeira punta houbo que definir o proxecto, manter múltiples contactos con Patrimonio e, tamén importante, contratar unha empresa de solvencia probada para asumir un encargo tan importante».

A empresa designada para rehabilitar a galería foi Cándido Hermida, o grupo fundado polo carpinteiro nado en Ferreira en 1939 que hoxe prové de mobiliario ás tendas de Inditex e doutras firmas de moda, ademais de traballar no equipamento habitacional de hoteis, buques, restaurantes e outras instalacións. «Contratar a obra cunha firma tan reputada e con tanta experiencia danos certa tranquilidade sobre o resultado final, que xa empeza a verse despois de tantos meses de espera», afirma o alcalde.

Aínda que o patio interior da casa consistorial segue ocupado por andamios e a metade do edificio pechado ao público, neste momento pode dicirse que o proxecto da restauración encara a súa etapa final. Estes días comezaron a colocarse os paneis dos tres lados que se van reconstruír, o cuarto está saneándose, xa que se encontra en bo estado, e, posteriormente, instalaranse os ventanais.

Por esixencias da Dirección Xeral de Patrimonio, todos os elementos teñen que ser réplicas exactas dos anteriores en canto á súa feitura. Neste sentido, a empresa de carpintaría copiou ao milímetro todas as partes e reproduciunas no taller, de onde saen preensambladas en grandes pezas que se encaixan unhas nas outras unha vez chegan ao pazo.

Con todo, o traballo segue tendo moito de manual. Un dos encargados da montaxe explicaba esta tarde (mentres rebaixaba un soporte cuns precisos toques de trencha) que «sempre hai que facer axustes» para que todo «vaia ao sitio». Un reto que aínda é maior cando van combinarse elementos novos e antigos: «hai partes orixinais que están en perfecto estado e que se van conservar», como ocorre con varios arcos góticos de madeira que culminan os ventanais.

O operario comentaba, porén, que un dos retos máis difíciles da obra non foi a reprodución dos paneis nin tampouco das fiestras que virán en breve, senón «instalar a viga que aguanta o chan dun dos lados», que foi necesario cambiar por completo.

Como queira que sexa, a obra mostra a simple vista «un traballo moi minucioso e concienzudo que se está facendo coa idea de que perdure», indica Secundino García Casal. Tal é así que os materiais estruturais de piñeiro vermello empregados na restauración de hai unha década están sendo substituídos agora por madeira de iroko, similar á teca por aspecto, resistencia e durabilidade.

O Goberno local agarda que «en cousa dunhas semanas, se non hai imprevistos» o traballo quede listo e que o espazo poida ser empregado no arranque da temporada de outono. «Esperamos que para setembro poidamos reabrir a galería como sala de exposicións, aínda que o máis importante é que recupere a súa función como corredor que artella toda a comunicación interior do Concello. Xa van moitas semanas de inconvenientes para o persoal e para a veciñanza, a quen lle agradecemos a súa paciencia e comprensión cunha obra que era moi necesaria», conclúe Secundino García Casal.

Ademais de rehabilitar unha das partes máis emblemáticas do antigo Pazo, as obras en marcha tamén teñen por obxectivo mellorar a eficiencia enerxética do edificio, posto que a galería cumpre no inverno a función de caldear o edificio coa luz solar e evitar as fugas de calor.

Lea también

Neda retoma los talleres de memoria y mentes activas

El Ayuntamiento de Neda retoma a partir del 16 de septiembre su programa de actividades …