O Pazo da Cultura de Narón acollerá 21 espectáculos de teatro, música e danza

Fuente Concello Narón

A alcaldesa de Narón e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, anunciou a programación do último cuadrimestre do ano no Pazo da Cultura. Unha programación, tal e como indicou que inclúe un total de vinte e un espectáculos, entre eles dúas estreas, entre os 21 de setembro e o 28 de decembro.

“Ofrecemos novamente unha programación moi variada e pensada para persoas de todas as idades que esperamos que sexan do agrado dos nosos veciños e tamén que se animen a desfrutar dela persoas doutros concellos”, apuntou Ferreiro.

María Adánez, Fernando Tejero, Xabier Díaz, Celso Sanmartín, Quico Cadaval, Ugía Pedreira… forman parte dos profesionais que participarán nalgún dos espectáculos previstos para os vindeiros meses no Pazo.

A programación das citadas instalacións municipais reabrirase o 21 de setembro co musical infantil “Bailando”, de Los Pica-Pica e continuará o 28 dese mes coa representación da comedia “Tres vellas na romaría”, da compañía Produccións Teatrais Excéntricas e con Celso Sanmartín e Quico Cadaval entre o seu elenco artístico.

No mes de outubro a compañía Os Náufragos Teatro traerá a Narón a peza “Noso”, que se poderá ver os días 4 e 5. Trátase dunha “dramedia” familiar ambientada nas mobilizacións do rural contra os parques eólicos.

A primeira das estreas en Galicia programadas para o último cuadrimestre do ano será o día 11 dese mesmo mes, co monólogo “Faros”, do xornalista e narrador oral Félix Albo, protagonizado por el mesmo e cargado de humor, para continuar o día 12 a programación con “Va de Bach”, de Aracaladanza, unha proposta de danza contemporánea e o domingo 13 con “Vaiana. El musical del momento”, de Gadium Teatro e para púlbico familiar, con voces en rigoroso directo e extraordinarias coreografías e proxeccións.

O día 19 de outubro poderase ver a comedia “Jánsel e Pónsel”, de Teatro Calavera, unha peza documental na que Álex Martín e Marián Rei pretenden dar resposta de xeito lúdico ás grandes preguntas do universo.

A última fin de semana de outubro será de novo o turno da música, con Ugía Pedreira e o seu espectáculo “Basal” o día 25 e tamén do teatro, coa comedia “Terceiro acto”, do Centro Dramático Galego o día 26, con cinco actrices e actores –Belén Constenla, Roberto Leal, Mabel Rivera, Fernando Morán e Eduardo R. Cunha– que utlizan o teatro para reflexionar sobre certas cuestión da súa traxectorial profesional e vital.

A música folk volverá ao Pazo o día 8 de novembro, co espectáculo “Intrépido viaje a velocidad cero”, da formación musical Ombligo, un proxecto musical impulsado polos madrileños Anika e Ángel Cáceres. O día seguinte continuará a música con De Vacas, que traen a Narón “Rebovina divas live”, o seu novo espectáculo no que cantan e bailan os éxitos das súas vidas.

A seguinte fin de semana continuará a programación o día 15 con “Big Wave”, da artista catalana Joana Serrat, unha das de maior proxección internacional; o 16 coa peza de teatro contemporáneo “La gramática”, da compañía Focus e protagonizada por unha muller convencional -interpretada pola actriz María Adánez-, que se converte da noite para a mañá nunha erudita da lingua e a gramática e que é sometida a un proceso de estudo por un reputado neurocientífico -interpretado por José Troncoso-.

O domingo 17 subiranse ao escenario do Pazo Montse Piñón, Pedro Pablo Patinho, Jorge Casas, Magín Blanco e Pablo Vidal para estrear en Narón a obra “A nena e o grilo camiño das cores”, unha montaxe teatral de Magín Blanco e Ghazafelhos con música en directo.

O 23 de novembro será o turno da compañía Redrum Teatro, co seu espectáculo de drama “Hamelín”, con Belén Constenla, Machi Salgado e Roberto Leal entre o seu elenco artístico;

O venres 29 haberá un concerto tributo a Pink Floyd, a cargo de Tertulia Producción, coa banda Im-pulse, integrada por oito músicos profesionais cunha dilatada traxectoria e finalmente, o 30, chegará o tuno da danza e a música tradicional co Grupo de música e bailes tradicionais Alxibeira, de Narón, e a Asociación Musical e danza tradicional Queiroa, da Coruña.

A programación prevista para este ano inclúe a representación o 1 de decembro de “La Selva”, unha peza da compañía Teloncillo, para primeira infancia; o día 14 a obra “Camino al zoo”, de Pentación e protagonizada por Fernando Tejero, Dani Murial e Mabel del Pozo; o 21 un espectáculo de música góspel, “The góspel legend tour”, de The Mississippi Mass Choir e pechará o 28 cun concerto de música folk, “Axúdame a sentir”, de Xabier Díaz.

A información sobre cada un destes espectáculos pode consultarse a través da web do Padroado da Cultura, na que tamén a partir do 22 deste mes se porán á venda libre -polo momento están para aboados- as entradas para o público xeral, tal e como avanzou Ferreiro.

O despacho de billetes do Pazo permanece aberto de luns a sábados entre as 9:30 e as 14:00 horas e dende as 17:00 ata as 20:30 horas e os domingos e festivos unha hora antes de cada espectáculo.

Lea también

El Papa recibe a una delegación del Seminario Interdiocesano de Santiago y les anima a «seguir con fortaleza»

El Papa ha recibido en audiencia en el Vaticano a los formadores y seminaristas del …