As persoas interesadas en participar na terceira edición do “Trail Costa Ártabra” poderán anotarse a partir do vindeiro luns día 1 de xullo, e ata o 10 de setembro a través da páxina web: www.rockthesport.com. Así o recordou o edil de Deportes, Ibán Santalla, que indicou que o evento, organizado pola Asociación Deportiva Cultural Bombeiros de Narón, conta coa colaboración do Concello de Narón.
O evento será puntuable para a carreira Ultra Trail de Montblanc (UTMB Index) cuxa final se celebrará en Chamonix (Francia) en 2025.
O Trail Costa Ártabra constará de catro modalidades: o longo, de 27 quilómetros; o curto, de 14 ou as andainas, unha curta de 8 quilómetros e outra longa de 12, esta última unha das novidades deste ano.
A Pena Molexa, a Pena Lopesa, os acantilados da zona do Val forman parte das paisaxes que se poderán ver nas andainas, en función da opción elixida. Poderán participar maiores de 18 anos, excepto na andaina, na que os menores poderán ir previa autorización do pai/nai ou titor.
En total ofertaranse 300 prazas e haberá trofeos para os tres primeiros clasificados en cada categoría, masculina e feminina, en sénior e veteráns. Dende o Consistorio recalcouse que o seguro do evento non cubre ás persoas maiores de 69 anos, que poderán asistir baixo a súa responsabilidade e coberturas médicas propias.
As saídas de todas as modalidades realizaranse dende as inmediacións da Cooperativa do Val entre as 9:00 e as 9:45 horas e o remate do evento está previsto para as 13:30 horas.