18 autores participan na I Edición do LiterAres

A próxima fin de semana, Ares contará cunha boa mostra da mellor literatura de proximidade, mais tamén con autores e autoras de renome, xa consolidados dentro do sector editorial galego. Será no marco dun novo evento que recalará no municipio este sábado, 22 de xuño, coa súa primeira edición, o LiterAres, e a través da colaboración entre o Concello e a Asociación Galega de Escritoras e Escritores (AGER).

Así, a concelleira de Cultura, Alma Barrón, e o delegado en AGER de Ferrol, Pablo J. Rañales, presentaron a programación no consistorio aresán, un acto que serviu para debullar todas as actividades que poderán desfrutar veciñanza e lectores da comarca.

“Neste LiterAres, quixemos homenaxear á literatura de proximidade, con autores da nosa zona e mesmo do municipio, mais tamén que puideramos achegarnos a outras disciplinas como o recital poético ou a música e incluso incorporar a memoria da emigración indiana”, salientou Barrón no acto.

Dende AGER, e como autor participante, Rañales fixo fincapé “na diversidade das actividades deste evento, con conversas sobre o misterio e o terror en Galicia, os procesos creativos detrás do arte ou mesmo sobre a necesidade de conectar coa mocidade a través da literatura”.

Ambos axentes expoñen que a Alianza Aresana, o epicentro de toda esta xornada literaria, recibirá a 18 autores e autoras en total nas diferentes iniciativas deste LiterAres en diferentes áreas do edificio, tanto interiores como exteriores, para “celebrar a cultura e gozar da literatura” dende o popular.

Unha programación variada con figuras como Arantza Portabales e Antía Yáñez

A xornada arrancará ás 11:00 horas no salón de actos da Alianza, cunha breve inauguración por parte das dúas entidades involucradas, e continuará xa coa primeira das charlas ás 11:15 horas, Literatura e emigración: escribir dende a memoria, onde interveñen Nones Araújo, gañadora do Premio de Novela Curta do Concello de Ares ALÉN 2023, xunto con Alma Barrón, edil de Cultura, e coa moderación da editora de Hércules de Ediciones, Laura Rodríguez.

Ás 12:00 horas, en formato exterior e con vermú incluído, o ilustrador e autor de banda deseñada aresán, Antonio Seijas, conversa co escritor Pablo J. Rañales sobre os seus procesos creativos, linguaxes artísticos e formas de inspirarse no Vermú artístico: crear e ollar dende Ares.

A mañá rematará coas autoras Andrea Maceiras e Antía Yáñez, de 13:15 a 14:15 horas, moderadas polo xestor cultural Iago Fandiño, na charla Literatura infantil e xuvenil: o reto de conectar coa mocidade.

O LiterAres retomará a súa actividade ás 17:00 horas, cun obradoiro de marcapáxinas no cuarto de contos da Alianza Aresana para os máis pequenos, e a sesión de micro aberto ás 18:00 horas, onde poetas, narradores e os músicos da Asociación Cultural Xábrega encherán de música e poesía a partes iguais.

De 19:00 a 20:00 horas, Juan Galán, Teresa Cameselle, María Nieto e Micaela Barbeito asinarán os seus exemplares coas librarías locais Nin Idea e Áncora e, como peche a todo o evento, Arantza Portabales e Natalia Monje afondarán nas particularidades do misterio e terror na literatura galega na conversa Unha Galicia de lenda ás 20:00 horas.

Lea también

Fernández Vila subraya en Ferrol que «Galicia quiere estar en la primera subasta de megavatios de eólica marina»

El presidente del Clúster, José Ramón Franco, señala que “la eólica marina flotante es una …