O Xeoparque Mundial Unesco Cabo Ortegal oferta duas prazas para Xeolog@ e Xerencia

O Xeoparque Unesco Cabo Ortegal ven de iniciar o proceso de selección de dous postos de traballo ofertados pola asociación para a xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal. Segundo as bases publicadas, os perfís a cubrir son os de xerencia e o de xeólogo/a, sendo necesario presentar a solicitude xunta coa documentación esixida a través da Sede Electrónica do concello de Cedeira.

Pódense consultar as bases reguladoras dos procedementos de selección, así como todas as publicacións que dela deriven, na sección de novas de www.xeoparquecaboortegal.gal.

As persoas interesadas en participar nestes procesos selectivos só poderán presentar as súas instancias vía telemática, a través da Sede Electrónica do Concello de Cedeira. No caso do posto de Xerencia, requírese unha persoa altamente cualificada, con experiencia en xestión, capacidade de planificación e organización, capacidade analítica e conceptual, gran sentido da responsabilidade e que estea afeita a traballar en equipo. Para o posto de Xeólogo/a, tal e como recollen as bases reguladoras, ademais esíxese unha persoa altamente cualificada con experiencia na divulgación científica. En ambos casos, é imprescindible o coñecemento dos idiomas galego e inglés, así como ter dispoñibilidade para viaxar.

O sistema de selección para ambos postos constará de catro fases: concurso de méritos, exame con preguntas de resposta curta sobre o temario establecido nas bases, entrevista persoal e, se fora o caso, acreditación de idiomas (galego a inglés).

Estas convocatorias responden á necesidade da creación dunha oficina técnica con persoal propio, conforme os estatutos da Asociación e o compromiso adquirido e ratificado en sendas reunións da Xunta Directiva.

Lea también

A Diputación da Coruña financia campañas de dinamización de comercio

A Deputación da Coruña financia con preto de medio millón de euros actividades de promoción …