O Gadis Longboard Festival, proba oficial da Liga Mundial de Surf Profesional (WSL) que se disputa esta fin de semana nas augas de Ferrol, na praia da Fragata, contará cun espazo de conciliación e igualdade da man da Xunta de Galicia destinado á rapazada máis cativa e no que se afondará no deporte inclusivo, igualitario e respectuoso coa contorna natural.
Como vén sendo habitual nos eventos da World Surf League (WSL) en Galicia, a conciliación será posible na competición nos espazos habilitados con persoal titulado e actividades axeitadas para nenas e nenos de 4 a 16 anos grazas ao apoio da Consellería de Política Social e Igualdade a través do Plan Corresponsables da Dirección Xeral de Promoción da Igualdade.
O espazo está situado nunha das carpas da pequena vila do surf que se levanta estes días no cámping das Cabazas, na parroquia de Cobas ao pé da praia. Será de balde durante os días da competición, de venres a domingo en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas sen necesidade de inscrición previa.
As familias que queiran desfrutar deste recurso de conciliación deberán anotar aos nenos e nenas no punto correspondente, proporcionar información de contacto e seguir as instrucións dos monitores.
A rapazada desfrutará da competición en primeira fila, aprenderá a deslizarse pola pista de skate, participará dos obradoiros ambientais (de reciclaxe con materiais de refugallo, limpeza de areais..) xogos cooperativos e, por suposto, bautismos de surf para iniciarse na práctica desta disciplina.
Cabe lembrar que un total de 61 deportistas -32 homes e 29 mulleres- de 12 nacionalidades están la competir durante a fin de semana nas costas de Ferrol, para facerse coa coroa da primeira proba oficial da WSL LQS 1,000, a Liga Mundial de Surf Profesional no Gadis Longboard Festival que se disputa do 13 ao 16 de xuño na praia da Fragata.
Espazos de conciliación tamén no Abanca Pantinclassic Galicia Pro e no Cabreiroá Junior Razo Pro.
A proba que se disputa estes días en Ferrol será o arranque da tempada nas nosas costas e a primeira das tres competicións que a Liga Mundial de Surf Profesional (World Surf League) vai desenvolver este verán 2024 en augas galegas xunto co Abanca Pantinclassic Galicia Pro (do 24 ao 1 de setembro) e o Cabreiroá Junior Razo Pro (do 24 ao 28 de setembro).
Os espazos de conciliación e igualdade en colaboración coa Xunta de Galicia terán presenza en ambas as dúas probas galegas cun horario amplo, acorde aos tempos da competición, e un programa de actividades acaído a contorna natural, con xogos cooperativos e deporte ao aire libre.
No caso do Abanca Pantinclassic, a maiores, a colaboración coa Consellería de Política Social e Igualdade estenderase á Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero e, como en ano anteriores, ofrecerase un programa de Experiencias para mulleres e nenos en situación de especial vulnerabilidade en Casa de Acollida da rede autonómica galega, cun programa deseñado especificamente para elas, e os fillos menores, con encaixe no programa do evento que se vai desenvolver a finais de verán na praia de Valdoviño.
O Abanca Pantinclassic Galicia Pro chega este 2024 a edición número 37 como proba internacional desde 1988. Declarado como Festa de Interese Turístico, foi o primeiro campionato da WSL en equiparar os premios en metálico nas categorías masculina e feminina para recoñecer idéntica recompensa pola destreza e o esforzo deportivo.
Consulta aquí o programa completo da competición e os horarios.
Nesta outra ligazón se poden seguir os resultados en tempo real.