Narón urxe a colaboración supramunicipal para solventar a problemática das moscas

A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, presidiu este martes 12 unha nova xuntanza da Comisión informativa sobre a problemática das moscas na parroquia do Val, un organismo que se acordou constituír o pasado ano.

En representación da Xunta estiveron presentes a delegada territorial, Martina Aneiros e, a través de videoconferencia, o xefe do servizo de Saúde ambiental da Dirección Xeral de Saúde Pública, Manuel Álvarez Cortiñas e Francisco José Malvido, xefe da sección e Sanidade ambiental da Xefatura territorial de Sanidade na Coruña e por parte da AVV “Os Irmandiños” do Val acudiu a presidenta, Manoli Castro.

Estiveron tamén en representación do Concello unha técnica, o edil de Sanidade e Medio Ambiente, Manuel Ramos, en representación de TEGA; os voceiros do PP e BNG, Germán Castrillón e Olaia Ledo, respectivamente, e o edil do PSOE Jorge Ulla.

A alcaldesa da cidade explicou ao remate da xuntanza que se acordou incidir na urxencia de que se celebre a reunión solicitada con técnicos de diferentes consellerías co fin de que a través da colaboración supramunicipal poder contar co asesoramento e axudas precisas para solventar este grave problema.

Ferreiro recordou que “se está en contacto permanente dende Narón tanto coa FEGAMP como con outros concellos afectados pola mesma problemática, como o de Tomiño, por entender que ten que ser un ente a nivel supramunicipal o que ofreza asesoramento para tratar de solventar esta situación que cada vez afecta a máis concellos”.

Na reunión abordouse a situación actual da problemática e tamén se recordaron, por parte do persoal técnico algúns dos pasos dados dende o Consistorio nesta área. A rexedora local manifestou o compromiso do goberno local de continuar traballando para que finalmente se poida coñecer o foco e actuar para erradicar o problema, unha actuación que precisa, tal e como se incidiu, de colaboración e implicación de administracións supramunicipais.

Lea también

Herida una animadora del tren navideño de Narón al caer del vehículo en marcha

La joven, que realizaba labores de animación caracterizada como «elfa», fue trasladada a un centro …