O X Torneo de Canteiras Diego Montes terá este ano unha importante compoñente solidaria. A competición, organizada polo Praíña Sporting Club de Teo, servirá para difundir o traballo da Asociación gallega de trasplantados de médula ósea (Asotrame) con pacientes de cancro hematolóxico de Galicia.
A cita reunirá durante a primeira fin de semana de xuño na localidade a deportistas dun total de 18 equipos das provincias da Coruña e de Pontevedra.
O campo Juan Amado, na parroquia de Reis (Teo), converterase os días 1 e 2 de xuño na gran cita das canteiras do fútbol galego. Mediranse nas categorías de prebenxamín, benxamín e alevín un total de 32 equipos de 18 clubs, procedentes dunha ducia de concellos galegos.
Así, o listado de participantes inclúe á S.R. San Xoán de Calo e S.D. Cacheiras (Teo); Club Atlético Fátima, S.D. Villestro e Club deportivo Conxo (Santiago); Escolas deportivas de Vedra; S.D. Touro; Milladoiro S.D. (Ames); S.D. Esclavitud (Padrón); S.D. Urdilde (Rois); Escola deportiva Xuventude Oroso; S.D. Cruces: Escola de fútbol Silleda, Escola Estrada de Fútbol base e S.D. Bandeira (Silleda); Escola de fútbol Lalín; e a Escola de fútbol Concello de Boiro.
Solidariedade
E o club organizador quere desta volta que o torneo, que rende tributo á figura do mozo Diego Montes, xogador e adestrador do Praíña, falecido a comezos do 2023 como consecuencia dunha leucemia, sirva ademais para que a xente saiba un pouco máis dese tipo de cancro e da doazón de medula ósea.
Durante os días do torneo a Asotrame terá presenza no recinto, cun punto informativo atendido por voluntariado. Deportistas e público que se acheguen á mesa divulgativa coñecerán o labor da nosa asociación e, por riba de todo, saberán un pouco máis sobre a doazón de medula ósea, un xesto altruísta e anónimo que pode salvar a vida de persoas enfermas de cancro hematolóxico (linfomas, leucemias…) que precisan un transplante.
Dende Asotrame queremos agradecer o convite realizado polo club á nosa entidade e a outras asociacións que traballan a prol dos pacientes en distintos puntos de Galicia.