Xavier Alcalá e Manel Cráneo presentan en Ares a novela gráfica ‘Cinza’

O salón de actos da Alianza Aresana acolle o venres 19 de abril, ás 19:30 horas, o acto de presentación de ‘Cinza’ , un cómic do ilustrador Manel Cráneo que adapta a novela ‘A nosa cinza’ do escritor Xavier Alcalá, xa considerada coma un dos grandes best-sellers da literatura galega.

Cráneo leva así ao formato gráfico unha novela de Alcalá de corte realista, ambientada case na súa totalidade no Ferrol dos anos 50 e 60, que debulla a vida adolescente na época franquista e as experiencias iniciáticas da mocidade: os primeiros encontros amorosos, a relación coa morte…

O cómic de Cinza articúlase a partir dunha paleta cromática branca e negra e amosando espazos cotiáns recoñecibles na contorna ferrolá: a praza de Amboaxe, a praza de España ou o Instituto Concepción Arenal.

Será unha boa ocasión para coñecer mellor como foi o proceso de adaptación e a relación entre Manel Cráneo e Xavier Alcalá ante o reto de trasladar a prosa ao cómic, combinando texto e imaxe e pasando das 300 páxinas orixinais ás 140 da novela gráfica.

O acto de presentación enmárcase dentro da programación do Día do Libro que realiza a concellaría de Cultura de Ares.

Lea también

Ares acolle a charla ‘Estilo de vida nas persoas afectadas polo cancro’

A vila aresá acolle a segunda charla dentro da Academia AresXSalud, o amplo programa educativo …