A Casa da Mocidade acolle durante Semana Santa un programa de actividades dirixidas a mozos de Narón de entre 12 e 16 anos. Así o avanzou o concelleiro de Mocidade, Ibán Santalla, explicou que se trata da iniciativa “Quedamos?”, que é de balde e que non require inscrición previa.
Os días 25, 26, 27, 30 de marzo e 1 de abril, en horario de tarde, de 17:30 a 20:30, as persoas participantes acudirán a obradoiros afectivo-sexuais, de personalización de roupa, de rotulación, desfrutarán dun escape room e tamén terán á súa disposición unha zona gamer, xogos de mesa, un espazo creativo e unha zona de xogos recreativos, tal e como avanzou Santalla.
“Queremos ofrecer durante a Semana Santa unha serie de propostas para a mocidade de Narón, moi variadas todas elas e nun único espazo que lles sirva de encontro e socialización”, apuntou o edil naronés. Santalla animou ós mozos ós que se dirixe “a participar nestas propostas, similares ás que programamos o pasado ano neste mesmo espazo e que tiveron moi boa acollida”.
O proxecto está subvencionado pola Secretaría Xeral de Igualdade, a través do programa Plan Correponsables no ámbito local.
As persoas interesadas en recibir máis información poden chamar ao número de teléfono 981 337 700 (extensións 1108 e 1111) ou escribir ao correo electrónico: omix@naron.gal.