A Deputación da Coruña entrega os premios da XIV edición Rosalía de Castro

A deputada de Lingua, Soledad Agra,  participou nun acto celebrado no Museo do Pobo Galego, que contou coa presenza da alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, para facer entrega dos premios Rosalía de Castro.

Estes premios creáronse hai 14 anos co obxectivo de recoñecer iniciativas, traballos recentes, traxectorias de persoas, colectivos ou entidades comprometidas coa promoción e dignificación social do noso patrimonio lingüístico e que valoran dun xeito especial  o traballo  cos sectores de especial relevancia para o futuro do galego.

Na categoría de persoa o premiado foi  Daniel Romero, xestor de actividades culturais e de normalización lingüística no Concello de Fene. Agra destacou que Daniel  «abriu  novos camiños e foi un  innovar en diferentes ámbitos sociais e de dinamización da lingua, realizando un traballo continuado durante décadas».

Na categoría de entidades recibiu o premio exaequo o Museo do Pobo Galego e  Orgullo Galego, que segundo indicou a deputada “as dúas entidades  son divulgadoras e mantedoras de coñecemento e contido cultural».

No eido de  proxecto de dinamización lingüística o xurado desta edición escolleu a proposta ‘Pakolas. Rock infantil e familiar en galego’ . Nesta ocasión a delegada de Lingua destacou “o uso da lingua como a música para involucrar calquera xeración no uso normalizado do galego”.

A representante provincial destacou na súa intervención a aposta da Deputación “por seguir construíndo unha administración normalizada e por garantir que calquera persoa poida desenvolver a súa vida plenamente en galego, en calquera punto do territorio, porque as galegas e galegos temos dereito a vivir na nosa lingua, sen limitacións”.

Agra tamén anunciou que “desde a Deputación, nos vindeiros meses, imos traballar na creación dunha campaña para rachar tópicos, desmontar prexuízos e poñer en valor a nosa lingua como valor patrimonial, é como dicía o poeta Manuel María, a chave coa que abrimos o mundo”.

O acto estivo presentado pola xornalista María Obelleiro, que dirixe o único xornal diario que se publica na nosa Comunidade Autónoma 100% en galego e contou coa actuación musical do grupo Momboi, gañador no ano 2020 do premio Narf, convocado tamén pola área de Cultura da Deputación da Coruña.

Lea también

Manuel Armada expone en Valdoviño sus esculturas de hierro reciclado

La Casa de la Cultura de Valdoviño estrena este viernes 10 una exposición del artista Manuel …