O programa municipal «Miúdo Verán» continúa esta semana en Neda con novas propostas e novos escenarios. O paseo marítimo de Xuvia acollerá este xoves 10 ás 20:00 horas o concerto de Os Xabatos, liderado por Juanillo Esteban, a mítica voz do Xabarín, que versionará os grandes éxitos do pop-rock galego para o público infantil.
Xunto a Esteban, integran a banda Fernando Esclusa (guitarra e coros); Javier Vaamonde (baixo e coros), e Alberto Dopico “Delpi” (batería).
Ofrecerán unha viaxe sonora pola historia das mellores cancións de pop-rock compostas orixinariamente en galego, e a rapazada poderá así coñecer aos artistas que abriron camiño compoñendo música moderna no noso idioma.
Entre eles, Andrés do Barro, Os Resentidos, Siniestro Total, Aerolíneas Federales, Heredeiros da Cruz, Víctor Coyote, Os Diplomáticos de Monte Alto…
A actividade inclúese no programa Cultura no Camiño 2023.