A candidata número dous pola Coruña e portavoz parlamentar do BNG, Ana Pontón, participou nun mitin en Narón xunto aos tamén candidatos Fernando Branco e Manuel Polo e ao portavoz municipal, Pablo Villamar. Na súa intervención, a nacionalista chamou a “facermos frente desde Galiza ás políticas europeas e ao FMI”, en alusión aos datos que apuntan a un inminente rescate que, segundo advertiu Pontón, “traerán máis recortes, máis paro e máis inxustiza, só temos que ver cara a Grecia ou Portugal”.
A candidata do BNG puxo de manifesto que Feijóo “conta co récord Guiness dos presidentes máis mentiráns”. “Prometeu que ía rematar coa crise en 45 días, declarou ilegal o concurso eólico, prometeulles aos traballadores do naval que ía haber dique flotante e agora vimos de coñecer que mente cando di que as contas están saneadas”, sinalou. A este respecto, salientou a importancia de que un ex conselleiro de Fraga avalara que Feijóo escondeu máis de 400 millóns en facturas e que cometera unha ilegalidade ao trampear as contas para agochar o déficit. “O Consello de Contas ratifica o que viña denunciando o BNG: as manobras de Feijóo para ocultar o déficit, aprazando os gastos dun ano para o outro”, engadiu.
“Á vista do seu balance e das súas prácticas gravísimas, como a que vén de revelar o Consello de Contas, Feijóo non merece ser presidente de Galiza, é indigno”, salientou, e emprazouno a presentar a súa dimisión como candidato do PP á Presidencia da Xunta de Galiza.
“Os galegos e galegas teñen que elixir «
A continuación, Ana Pontón indicou que as políticas de Feijóo “está levando a Galiza cara un desastre social e económico”. “Por iso, o 21 de outubro hai moito máis en xogo que elixir un presidente, está en xogo o modelo social e de benestar e o papel de Galiza no mundo”, expresou. “Neste contexto, os galegos e galegas teñen que elixir se queren máis políticas suicidas do PP ou se queren o cambio de rumbo que representa o BNG, con alternativas diferentes e coa aposta por que Galiza teña máis capacidade para decidir”, expuxo. “Hai que elixir entre unha crise máis aguda ou por defender o noso”, engadiu.
Neste contexto, a candidata do BNG contrapuxo as dúas opcións: “ou un presidente da Xunta de Galiza como Jorquera, que mira polos galegos e galegas, ou un submiso e fiel aos ditados do PP como é Feijóo, que o único que fixo foi traizoar os intereses do noso país”. “A alternativa é o BNG, porque só o BNG conta con propostas concretas e diferentes, como a supresión das deputacións, un financiamento xusto con Galiza, unha política fiscal propia, amais da defensa da cultura e da lingua galegas, que nos axudarán a saír da crise con xustiza social”, salientou.
Por último, Ana Pontón emprazou a todas as persoas resignadas “a apoiar o 21 de outubro ao BNG, porque votar o BNG é votar por un futuro de esperanza para os galegos e galegas”.