Propostas culturais do Pazo da Cultura de Narón entre setembro e novembro

O Padroado da Cultura do Concello de Narón ten á venda as entradas para o público xeral dos dezasete espectáculos que se sucederán no Pazo da Cultura entre os meses de setembro e novembro.

Entre as diferentes propostas, tal e como avanzou a alcaldesa e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, subiranse ao escenario do Pazo, entre outros, recoñecidos profesionais do sector, como o cómico Luis Zahera, os actores Carlos Blanco e Pepón Nieto, as actrices Nuria Espert e Candela Serrat… e será tamén o Pazo o lugar no que se estreará Berro, o no vo espectáculo de danza contemporánea da compañía Nova Galega Danza.

“Unha vez máis, ofrecemos unha programación con propostas moi variadas e dirixidas a persoas de todas as idades, que esperemos que desfruten todas aquelas persoas que queiran achegarse ao Pazo da Cultura”, apuntou Ferreiro.

A programación retomarase o día 23 de setembro con “Chungo”, o monólogo do galego Luis Zahera que se poderá ver ás 20.00 horas no Pazo e caracterizado por un humor moi diferente ao que se puido ver ata agora. Ese mesmo mes, o día 30 ás 20.00 horas, Nova Galega Danza estreará “Berro”, parte do proceso de crecemento vital, un fío condutor entre o noso interior e exterior.

No mes de outubro a programación comezará o día 7, ás 20.00 horas, coa peza “La comedia de los errores”, unha proposta en cuxo elenco están actores como Pepón Nieto ou Víctor Clavijo, entre outros. A obra comeza cunha sentenza de morte na que despois todo se convirte nunha festa por erro.

O domingo 8, ás 18.00 horas, será o turno do público infantil, con “Natanam”, unha proposta de danza contemporánea interpretada por dous amigos cómplices que se atopan nunha sala de xogos. Os días 13 e 14, ás 20.30 e 20.00 horas respectivamente representarase “Sibarís”, adaptada por Lois e Carlos Blanco, este último actor, xunto con Oswaldo Digón nesta obra na que os protagonistas son Victor Morel, un escritor que non atravesa o seu mellor momento, e a súa muller Laura.

O día 21, ás 20.00 horas terá lugar o converto “Radio Vintage-Xira 2023” de Tennessee, cun amplo repertorio e máis de corenta anos de historia.

O mes de novembro comezará tamén cun concerto, concretamente o día 3, ás 20.30 horas, do músico galego Miguel Lamas e Ardora, con propostas novidosas que fusionan varios estilos. O día 4 ás 20.00 horas regresará ao Pazo o teatro coa peza “Búho”, protagonizada por un antropólogo forense, Pablo, que sofre un ictus que marcará a súa vida e o día 10 ás 20.30, haberá un concerto de jazz, “1917”, con A Vella Dixieland, unha banda que é todo un referente musical e que celebra o seu 40+1 aniversario.

O sábado 11 de novembro será o turno de “Chicago life El musical” ás 20.00 horas un gran show (para maiores de 18 anos) cun apaixoante guión orixinal e trepidantes coreografías con grandes voces en directo e unha excelente posta en escena e o domingo 12 poderase ver “El musical de Coco, ´Recuérdame´” ás 18.00 horas, para público familiar e infantil e que é o primeiro espectáculo musical baseado nunha das películas máis entrañables de todos os tempos, emocionando a espectadores de todas as idades.

O xoves 16 de novembro ás 20.30 horas, poderase ver a peza de teatro clásico “Constante”, unha peza escrita polo chileno Guillermo Calderón e o uruguaio Gabriel Calderón en base a “El príncipe Constante”, de Pedro Calderón de la Barca. O día 18 ás 20.00 horas será o turno de “La isla del aire”, con Nuria Espert e Candela Serrat entre o elenco e que narra unha viaxe en barca de cinco mulleres en Menorca. O público infantil poderá ver o día 19 ás 18.00 horas “Ándale!! Buen apetito!!”, a reposición de “Bon Apettit” de Teatro Ghazafelhos, con Pepablo Patinho.

As últimas propostas culturais da programación do Padroado da Cultura no mes de novembro no Pazo serán a fin de semana do 24 ao 26. O día 24 estarán no escenario Xabier Díaz & As Adufeiras de Salitre ás 20.30 horas, con “As catedrais silenciadas”, o seu terceiro álbum, que actualiza diferentes tipos de formas musicais. O día 25 ás 20.00 horas representarase a peza dramática “Unha inimiga do pobo”, protagonizada por Helena, unha doutora de prestixio internacional que regresa á súa vila natal para comezar unha nova etapa co seu compañeiro e o día 26 ás 18.00 horas, haberá teatro para a primeira infancia (de 6 meses a 5 anos) con “Nidos”, un espectáculo-árbore cargado de obxectos e maxia da compañía Teloncillo.

Lea también

El Club de Baile Deportivo Narón realiza una exhibición en la Plaza de Eventos de Odeón este sábado

El Club de Baile Deportivo Narón junto a la Escuela de Baile Tedaga, realizarán este …