As edís de Igualdade, Mar Gómez, e Benestar Social, Mercedes Taibo, presentaron xunto coa presidenta da Asociación de Fibromialxia e Fatiga Crónica do Noroeste (Affinor), Elena María López, os actos programados con motivo do Día mundial da fibromialxia e a fatiga crónica, que se conmemora o vindeiro 12 de maio. “Cara a unha atención multidisciplinar. Un camiño para a esperanza” é o lema elixido para dar visibilidade e concienciar á poboación sobre esta doenza.
No caso de Narón, a noite do 12 de maio iluminarase de cor malva a rotonda de Freixeiro e tamén ese día Affinor instalará unha mesa informativa no Centro Comercial Odeón, de 10.00 a 13.00 e de 17.00 a 19.00 horas e outra na entrada do Concello, onde permanecerá instalada, na zona de acceso, durante uns días con material informativo da entidade.
A maiores, no interior do Consistorio colocarase unha pancarta informativa e a vindeira semana, o sábado 20 programáronse dúas sesións de pilates ás 11.00 horas e outra ás 11.30 horas abertas á cidadanía en xeral–recoméndase levar esterilla- á que se anima a participar, de balde, a todas as persoas interesadas.