Este domingo a Gándara parecía unha festa. Había música e moita xente alando de cambio, da candidatura do BNG de Olaia Ledo as municipais do 28 de maio..
O acto iniciouse así con diferentes intervencións de persoas que decidiron apoiar ao BNG de Narón, algunhas presentes na candidatura como Bea Mosquera e Lucía Barros, farmacéutica deste barrio. Outras como Diana Lata, que foi a directora do Manuela Pérez Sequeiros. Fixérono para mostrar “a necesidade de cambio” indicaron “para Narón” e para apoiar a “Olaia, presente e futuro de Narón, intelixente, traballadora e todo o que precisa Narón” indicou Pablo Melaski, coñecido pola loita veciñal nas vivendas de Piñeiros contra a Sareb.
Despois da actuación musical de Vai Rañala Meu, tocoulle a quenda a Néstor Rego, deputado no congreso e que coñece a política municipal xa que foi concelleiro de cultura en Compostela durante seis anos.
Néstor Rego puxo en valor os concellos do BNG “Os gobernos municipais do BNG desenvolven políticas transformadoras que mudan, en positivo, a vida da xente”. De facto, engade, a organización nacionalista aspira a estender e mellorar os servizos públicos, así como dotar de máis recursos o Concello. Para iso, explica o deputado do BNG, “o grupo de goberno do BNG en Narón non só contará co apoio da organización na localidade, senón cunha organización enteira como o BNG que ten experiencia e proxecto de futuro para o concello”.
“A marca de concellos BNG é unha marca de prestixio dentro dun proxecto nacionalista que aspira a mudar a realidade do País e que cumpre todo aquilo co que se compromete” afirma Rego.
Unha organización da que tamén pon en valor o traballo realizado no Congreso que, grazas ao traballo do conxunto da militancia do BNG, “non existe problema nin solución que o BNG non levara á cámara baixa para reclamar ao Goberno do Estado que atenda as necesidades do País e en Narón así o fixemos grazas ao traballo do BNG da localidade”.
Unha vez rematado Néstor Rego, tocoulle a quenda á candidata que presentou á candidatura. Olaia afirmou “imos poñer a democracia, os dereitos, o deporte, a cultura, a formación, o emprego e os servizos sociais no centro. En definitiva; imos poñer ás persoas e o seu benestar no centro” . Ledo critica ademais estes catro anos “no que Narón non avanzou en nada e todo o que se fixo ou non existe ou está a medias” e insiste “Narón non é unha illa por moito que nola queiran vender así. E os que falan de que non lles escoitan fano para botar balóns fora e porque non poñen os problemas de Narón onde se merecen. E iso o que fai é que a veciñanza paguemos dúas veces: e así ocorre na taxa de saneamento aprobada polo PP e Tega ou en tantos servizos. E que non nos enganen: se lle vai ben a Galiza iralle ben a Narón e se lle vai ben a Narón iralle ben a Galiza”
“Convidámosvos a soñar porque temos un proxecto serio e solvente no que gaña a xente coma os modelos BNG e por iso seguiremos traballando día a día e tede a certeza de que o faremos posíbel” rematou Ledo.