O Concello de Narón programou varias iniciativas para conmemorar o Día Internacional do Pobo Xitano

As concelleiras de Igualdade, Mar Gómez, e Ensino e Bibliotecas, Mercedes Taibo, do concello de Narón desprazáronse ao Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros para ver dúas exposicións en homenaxe ao pobo xitano de Narón. As mostras poderán verse ata o vindeiro 10 de abril e programáronse con motivo da conmemoración do Día Internacional do Pobo Xitano, que será o 8 de abril. “Somos xitanos e xitanas de Narón e esta é a nosa historia” e “Homenaxe ao pobo xitano de Narón” son os títulos destas mostras, ás que dende o Concello se anima a acudir á cidadanía co fin de rachar estereotipos da sociedade en xeral cara á poboación xitana amosando secuencias da súa vida.

A mostra “Somos xitanas e xitanos de Narón e esta é a nosa historia” está formada por un total de 13 fotografías e a de “Homenaxe ao pobo xitano de Narón”, por un total de 20. En ambos casos, a través das imaxes apóstase por darlle visibilidade ao colectivo e facer reflexionar á sociedade sobre as persoas desta etnia, máis integradas na actualidade pero sobre as que en determinadas áreas existen, tal e como eles mesmos manifestan, algunhas reticencias.

Dende o Concello de Narón tamén se fixo chegar aos centros de ensino da cidade, para alumnado de terceiro a sexto de Primaria, unha unidade didáctica para traballar sobre esta temática. O documento poderase descargar tamén da web municipal. Outra das iniciativas municipais consistirá na entrega de marcapáxinas coa bandeira e o himno xitano a vindeira semana nas instalacións da Biblioteca municipal do Alto, a Axencia de Lectura da Gándara e a Ludoteca da Solaina, ás usuarias e usuarios das instalacións. A maiores, dende o Concello tamén secolocará a vindeira semana a bandeira xitana, en sinal de homenaxe a este pobo.

Finalmente, entre o 10 e o 14 de abril haberá unhas xornadas de portas abertas na Casa da Cultura, onde traballa a asociación Acción Familiar Ferrol, con persoas do colectivo, tanto menores como participantes nos obradoiros de manualidades e costura. Entre as 9.30 e as 14.00 horas poderase ver o traballo que realizan ao longo do ano dende a citada entidade.

Lea también

Lidl alcanza las 40 tiendas en Galicia con su nueva apertura en Narón

Lidl abrirá este viernes su primera tienda en la localidad coruñesa de Narón, estreno con …