O BNG nun acto en Ferrol ofreceu alternativas na defensa sobre o ferrocarril

O Bloque Nacionalista Galego realizou un acto en Ferrol para ofrecer as alternativas que defende sobre o ferrocarril, centrado na conexión da cidade coa Coruña e a liña Ferrol-Ribadeo, a través do FEVE, e a implantación do servizo de cercanías ferroviarias. Para a frente nacionalista, é imprescindíbel apostar por un medio de transporte “eficaz, eficiente e sustentábel” como o ferrocarril a pesar de que o Goberno do Estado non permita desenvolver na Galiza e, no concreto, en Ferrol este medio. Durante o acto, no salón do antigo hospicio , a frente nacionalista fixo un repaso histórico sobre o traballo realizado a nivel nacional, comarcal e local.  Asistiron, entre outros o membro do Congreso, Néstor Rego e o concelleiro e candidato ás municipais, Ivan Rivas.

Durante o evento organizado polo BNG, persoas integrantes da Plataforma por un Transporte Digno, Mercedes Alonso e Beatriz Garabana, tomaron a palabra para denunciar a situación actual do ferrocarril e da oferta estabelecida pola Xunta de Galiza nas liñas de autobús. Unha incomunicación que provoca graves prexuízos para a veciñanza da cidade, no concreto, e, por extensión, de toda a comarca de Ferrolterra.

Iván Rivas candidato do BNG a alcaldía de Ferrol sinalou que a situación na que se atopan as infraestruturas ferroviarias na nosa cidade non responde a un problema económico, tendo en conta que o ADIF desenvolveu un gasto multimillonario na alta velocidade e que teñen existido consignacións económicas no pasado para a execución destas obras que se perderon.

Alén do máis,indicou que a solución pasa por contar coa vontade política necesaria para desenvolver estas infraestruturas coa fin de conectar a cidade co resto do país e vertebrar a comarca desbotando o modelo radial onde todo pasa por Madrid e privatizador que en Ferrol significa desmantelamento.

Por estas razóns Iván Rivas demanda a transferencia dos servizos ferroviarios de proximidade e a execución dos investimentos que permitan a redución dos tempos de viaxe a menos dunha hora mediante a dupla vía, electrificación e o by-pass en Betanzos. “Precisamos dun goberno local que se preocupe por rachar co illamento ao que os gobernos do Estado nos ten sometido. Un goberno local liderado polo BNG exixirá a modernización da rede ferroviaria para que toda a cidadanía poida acceder a este servizo e mellorar a mobilidade da cidade. O BNG quere conectar Ferrol a través do ferrocarril” aseverou Iván Rivas.

Levamos décadas traballando para conseguir que o ferrocarril se converta no medio de transporte de referencia para o conxunto da cidadanía da Galiza porque é o medio do futuro: eficaz, eficiente e sustentábel” reivindica o deputado do BNG no Congreso. Neste sentido, Néstor Rego lembra as numerosas iniciativas presentadas na cámara baixa para impulsar a modernización da rede ferroviaria interna e, a destacar, as rexistradas para conectar a cidade de Ferrol. “Presentamos até emendas aos orzamentos para incrementar as partidas destinadas  ao servizo ferroviario na Galiza mais nunca contaron co apoio dos partidos do Goberno” denunciou.

Iniciativas, tamén, para a modernización da liña de ancho métrico, coñecida como FEVE, que conecta a cidade de Ferrol con Ribadeo e unha aposta tamén para modernizar o material rodante, así como o incremento das frecuencias ferroviarias nesta liña. “Recentemente demandamos ao Goberno medidas compensatorias para esta liña ante os erros detectados no deseño dos trens e o retraso que provocará a entrega dos novos trens e que destine os híbridos á liña FEVE” recordou Rego.

Mais a formación nacionalista tamén reclamou melloras na liña que conecta Ferrol coa cidade da Coruña, a través do aumento das frecuencias ferroviarias e adaptar os horarios ás demandas da veciñanza. “Fixamos como prioridade a modernización desta liña entre Ferrol e A Coruña, así como a construción do by-pass en Betanzos, a través do aumento no investimento e unha planificación escrupulosa, para acurtar o tempo e provocar que máis persoas poidan empregar o ferrocarril” destacou.

Por outra parte, Rego denunciou a negativa dos sucesivos gobernos do Estado, de PP e PSOE, de implantar os servizos de cercanías ferroviarias na Galiza, a pesar de existir a masa crítica necesaria. “A rexión Ferrol-A Coruña alcanza os 650.000 habitantes mais o Goberno do Estado non oferta este servizo, a pesar de que outros territorios, con 270.000 habitantes, si o ten implantado” sinalou. “Os servizos de proximidade ferroviarias que reclamamos implican por en funcionamento traxectos específicos de curta distancia, horarios máis frecuentes e tarifas máis baratas” rematou Néstor Rego.

Lea también

El martes inauguración del «Rastrillo» de la A. Nuestra Señora del Carmen

La asociación “Nuestra Señora del Carmen” de Ferrol celebrará desde el martes 26 de noviembre, …